SanidadeÚltima hora

A 18ª Reunión do Servizo de Hematoloxía ourensá sobre leucemia consolídase como foro de referencia na súa especialidade

O servizo atende cada ano entre 10 e 20 novos casos de leucemia mieloide aguda, cunha proporción case igualada entre menores e maiores de 65 anos, unha singularidade debida ao envellecemento demográfico da provincia

 

Allariz acolle esta fin de semana a 18ª Reunión de Neoplasias Mieloides, un encontro que, organizado polo Servizo de Hematoloxía do Hospital Universitario de Ourense, chega á súa maioría de idade convertido nun dos principais puntos de encontro da hematoloxía galega.

O congreso reunirá ao redor de 60 especialistas de toda Galicia, incluíndo ademais a algúns dos hematólogos máis recoñecidos do país, e manterá o seu carácter formativo e colaborativo, especialmente orientado aos profesionais máis novos.

Desde a súa creación, a reunión converteuse nun espazo estable para a actualización científica en leucemias agudas, síndromes mielodisplásicos e neoplasias mieloproliferativas, abordando os avances terapéuticos e os retos asistenciais. Como destacan dende o Servizo de Hematoloxía, a capacidade de atraer relatores de referencia e de favorecer a participación dos residentes, das distintas áreas sanitarias galegas, explican a consolidación desta cita anual que sempre se celebra en Allariz.

Un programa con expertos de referencia nacional

Na edición deste ano participan figuras destacadas como Jordi Esteve, David Valcárcel e Alberto Álvarez-Larranz, de Barcelona; Ana Alfonso, de Navarra; Jorge Labrador, de Burgos; ou Sandra Muntión Olave, de Salamanca, recoñecida polo seu labor no ámbito do diagnóstico molecular. A eles súmanse profesionais galegos como Paloma Picallo, de Vigo, e formada en Ourense, e especialistas do resto de hospitais públicos galegos.

 

 

Un dos piares da reunión é a exposición de casos clínicos recentes por parte de hematólogos en formación, ou de recente incorporación, convertendo así o encontro nun punto de partida para o perfil científico e investigador de novas xeracións de hematólogos. Nesta edición presentaranse casos galegos e tamén dun centro de referencia estatal como o Clínic de Barcelona.

Avances terapéuticos  nas leucemias agudas

A reunión chega nun momento marcado polos importantes avances no tratamento das neoplasias mieloides. Nos últimos anos incorporáronse fármacos dirixidos a alteracións moleculares concretas, como os inhibidores de IDH1, IDH2 ou FLT3, que están a mellorar a supervivencia dun número crecente de pacientes.

Desde Ourense os especialistas subliñan que estas novas terapias, combinadas coa quimioterapia clásica, supoñen un cambio de paradigma. A investigación céntrase agora en identificar con maior precisión as mutacións que impulsan cada subtipo de leucemia, abandonando a visión uniforme da leucemia mieloide aguda, para falar de múltiples enfermidades distintas que requiren abordaxes específicas.

Referentes no tratamento do paciente maior

Polas características da nosa poboación, o Servizo de Hematoloxía do Hospital Universitario de Ourense posúe unha importante experiencia no manexo da leucemia en pacientes de máis de 65 anos, que o conventen en referentes no tratamento da leucemia no paciente maior.

Segundo explican desde o servizo, hai quince anos,  a expectativa de supervivencia destes pacientes era moi limitada, pero a introdución de novos fármacos e estratexias combinadas multiplicou a súa eficacia.

De feito Ourense foi pioneira en España na administración domiciliaria de azacitidina subcutánea, unha medida na que é clave o papel formados da enfermería cos pacientes ou familiares directos, e que mellora a súa calidade de vida xa que permiten manter os tratamentos sen desprazamentos constantes ao hospital.

A nivel asistencial, o servizo atende cada ano entre 10 e 20 novos casos de leucemia mieloide aguda, cunha proporción case igualada entre menores e maiores de 65 anos, unha singularidade debida ao envellecemento demográfico da provincia.

Un futuro de tratamentos totalmente personalizados

Os especialistas coinciden en que o estudo xenético inicial da leucemia é hoxe determinante para establecer o prognóstico,  e tamén decidir o tratamento, incluíndo a necesidade dun transplante de medula en casos de alto risco, iniciando os estudos de compatibilidade dos familiares ou a procura internacional de doantes. O avance das técnicas é tan rápido que desde o servizo calculan que os estudos xenéticos multiplicaranse por cinco nos próximos anos.

A reunión de Allariz pretende, precisamente, facilitar a actualización continua dos profesionais nun campo en plena transformación e afondar nun futuro no que “xa non falaremos só de leucemias ou tumores de forma xenérica, senón de enfermidades definidas polas súas alteracións moleculares e tratadas á medida”, segundo destacan desde a organización.

Back to top button