CulturaCulturaÚltima hora

A actriz de orixe valdeorresa Sabela Hermida, protagonista de “El cuarto de Mona”, presenta o filme na Rúa

A presentación, no Centro Cultural Avenida, contou tamén coa presenza do director Darío Autrán

 

El cuarto de Mona, filme dirixido por Darío Autrán e protagonizado por Sabela Hermida, foi rodada en Ourense e narra as aventuras dunha muller en plena crise dos 40. A película, que definen como “comedia aloucada e frenética”, non se esquece da crítica social e pon ademais sobre a mesa a importancia da saúde mental. “Como toda boa comedia ten tamén unha parte dramática e para min supuxo unha oportunidade na gran pantalla”, aseguraba a actriz Sabela Hermida, na tarde do domingo 21 de novembro no Centro Cultural Avenida.

O filme era presentado en outubro no marco desta edición do Ourense Film Festival (OUFF) e vén de ser estreada nos cines. O venres estreábase en Vigo e onte na Rúa, contando coa presenza do director e da protagonista cuxa familia materna é valdeorresa. “Eu nacín en Vigo pero miña nai é de Vilanova, do Barco”, di Sabela, contenta de poder presentar o seu traballo na casa. Autrán pola súa banda explicou aos asistentes que El cuarto de Mona é a súa segunda película e trátase dun “filme coral que agardo que desfrutedes”.

Antes da proxección, o concelleiro de Cultura da Rúa, José Vicente Solarat López, adiantou que, á parte da estrea de onte, haberá máis proxeccións aínda sen data.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button