En portada

A AECT Eurocidade Chaves-Verín perfila as candidaturas coas que optará a fondos europeos

A sede desta entidade acollía unha reunión cos socios que o acompañarán nunha desas candidaturas: os concellos do Barco, Bragança e Sarria e a Deputación ourensá
Un dos momentos da xuntanza celebrada na sede da AECT Eurocidade Chaves-Verín en Chaves.
Un dos momentos da xuntanza celebrada na sede da AECT Eurocidade Chaves-Verín en Chaves.

A mellora da competitividade das Pemes será o eixo en torno ao que xirará unha das candidaturas con presenza ourensá que optará á próxima convocatoria Interreg. A sede da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Eurocidade Chaves-Verín acollía na mañá do 9 de setembro unha xuntanza dos socios que participarán nela.

Así do partenariado desta candidatura formarán parte, ademais da AECT Eurocidade Chaves-Verín, O Barco de Valdeorras, Bragança, Sarria ou a Deputación de Ourense. E a través dela pretende impulsarse o “desenvolvemento económico do territorio interior da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal mediante a dinamización dos sectores tradicionais a través da apertura de novos procesos e canles de distribución e comercialización que melloren a competitividade das Pemes”, segundo se informa dende esta AECT.

A reunión tiña lugar na mañá do 9 de setembro.
A reunión tiña lugar na mañá do 9 de setembro.

Deste xeito, tendo en conta a inminente apertura do programa Interreg VAI, prevista para este outono, a AECT Eurocidade Chaves-Verín está a deseñar as candidaturas que presentará sobre dous eixos principais. Por unha banda, está o xa citado “crecemento integrador a través dunha cooperación transfronteiriza a favor da competitividade empresarial” e, pola outra, a “mellora da capacidade institucional e a eficiencia da administración pública a través da cooperación transfronteiriza”.

A pretensión desta agrupación de cooperación é, en definitiva, a posta en marcha dun “ambicioso plan de captación de fondos que permita un forte desenvolvemento do territorio nas áreas de turismo, termalismo, transporte, comercio, industria, mellora e competitividade das Pemes e do emprego”, segundo adianta.

Artigos relacionados

Back to top button