SanidadeÚltima hora

A alcaldesa de Trives denuncia a “precaria atención sanitaria que se presta no concello”

Exterior do Centro de Saúde de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A atención sanitaria do concello de Pobra de Trives está a causar gran preocupación entre a cidadanía. “Á repentina ausencia dun dos médicos do Centro de Saúde súmase a precaria situación do servizo de Pediatría, que non abarca a demanda”, aseguran dende o Concello. A propia alcaldesa, Patricia Domínguez, facéndose eco do malestar da poboación vén de enviar unha carta ao conselleiro de Sanidade para que se poña fin á precariedade na atención primaria e pediátrica que se está a vivir no municipio. “Transcorrida máis dunha semana sen ter noticia algunha, nin do anterior médico nin da súa substitución, véxome na obriga de esixir unha explicación urxente e unha solución inmediata”.

Tal e como explica a rexedora na misiva, no centro de saúde de Pobra de Trives traballaban dous médicos, que atendían a toda a poboación do municipio, ademais de a toda a comarca como PAC. “Esa dotación, xa considerada escasa, reduciuse cando hai máis dunha semana, sen mediar notificación algunha, pasou a atender a todos e todas as pacientes un só médico”, explica Domínguez, lembrando que foron precisamente estas persoas quen primeiro coñeceron á noticia ás portas do propio Centro de Saúde, cando acudían con normalidade á consulta. “Á preocupación sumamos tamén o enfado pola evidente falta de respecto, xa non á institución municipal á que represento, senón a toda a cidadanía por non ter feito unha comunicación previa”, di.

En canto á situación do servizo de Pediatría, A Pobra de Trives e Castro Caldelas comparten pediatra con Maceda, co que o servizo é de tan só un día da semana en Castro Caldelas, os martes, e outro en Trives, os xoves. “O servizo ten deficiencias dende hai anos pero cada vez hai más precariedade, xa que as ausencias da persoa titular non son cubertas e poden pasar semanas sen que se ofreza á cidadanía atención pediátrica”, asegura a rexedora poñendo un exemplo claro: “Estanse dando casos nos que os nenos e nenas chegan á consulta para ser atendidos e ocorre que está pechada ou que desaparece a cita da aplicación do Sergas sen previo aviso”.

Por todo isto, Patricia Domínguez solicita a través da súa carta enviada hoxe “unha reunión urxente co conselleiro de Sanidade para tratar coa maior brevidade estes problemas e outras posibles melloras na atención sanitaria que se presta en Pobra de Trives, obxectivo para o que ofrece a súa leal colaboración ao máximo responsable da sanidade galega”.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button