CulturaCulturaÚltima horaVídeos

‘Florencio Delgado Gurriarán. Unha Antoloxía Poética’ pon o broche á publicación de Galaxia sobre o poeta valdeorrés

A presentación desta escolma de poemas de Florencio realizada por Débora Álvarez e Margarida Pizcueta, celebrábase na mañá deste domingo 27 de marzo en Vilamartín de Valdeorras

 

Da necesidade de dar a coñecer un feixe de poemas, quizais os menos coñecidos pero non por iso menos importantes, do poeta de Córgomo, Florencio Delgado Gurriarán, e concebida para achegar a súa obra a todos os públicos, incluíndo a súa faceta de tradutor, nace a ‘Antoloxía Poética’, en edición de Débora Álvarez Moldes e Margarida Pizcueta Barreiro, que pon o broche á publicación da Editorial Galaxia, arredor do homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022.

Ao longo dos últimos meses, Galaxia contribuíu á homenaxe incluíndo, nas súas novidades editoriais, os seus tres poemarios: Bebedeira, Galicia infinda e O soño do Guieiro; ao mesmo tempo que os libros Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética, de Xesús Alonso Montero e Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, de Ricardo Gurriarán, publicado orixinalmente en 1999.

 

Debora Álvarez Moldes nun momento da presentación do libro.

 

Agora achega esta escolma de poemas dirixida a quenes se confesen “curiosos da obra de Delgado Gurriarán” coa pretensión de que “sexa útil para o coñecemento do autor”, puntualizan dende a editorial. E faino percorrendo as temáticas e correntes polas que transitou o poeta de Valdeorras, buscando ofrecer unha mostra do máis significativo da súa obra, ordenada cronoloxicamente a partir dos seus libros e dalgunhas composicións dispersas, desde os cánticos iniciais do seu universo valdeorrés ata a poesía comprometida, satírica e de loita, fiel co seu pensar, que realizou desde o exilio.

A obra, unha selección de poemas realizada polas impulsoras do proxecto As Letras de Florencio (Margarida Pizcueta e Débora Álvarez) que inclúe un prólogo de Víctor F. Freixanes, Presidente da Real Academia Galega, era presentada no mediodía deste domingo 27 de marzo no Centro Sociocultural Sata Lucía, en Vilamartín de Valdeorras, nun acto que contou ademais coa presenza do director da Editorial Galaxia, Francisco Castro; do presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado; e do alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez encargado de dar a benvida aos asistentes, entre outros.

 

Débora Álvarez e Margarida Pizcueta, responsables da escolla de poemas da antoloxía.

 

Foi un acto diferente ao das anteriores presentacións, a modo de coloquio, cos ponentes máis próximos ao público “para estar máis preto de vos e que poidades participar porque ao fin e ao cabo trátase de falar de Florencio e moitas veces vos tedes moito máis que dicir”, aseguraba Débora Álvarez dirixíndose aos asistentes. Álvarez Moldes lembrou que esta antoloxía xa estaba preparada para saír antes de recibir a  nova da homenaxe a Florencio neste 2022, conscientes de que non había nas librarías obra de Florencio “un problema que nos tiñamos que axudar a solucionar, nacendo aí esta iniciativa”, dixo.

Margarida Pizcueta aseguraba pola súa banda que “esta é unha antoloxía de todos”, facendo fincapé na importancia para Valdeorras da honra de que o Día das Letras Galegas 2022 sexa para Florencio Delgado Gurriarán, ao “concedérsenos a posibilidad de vivir algo que posiblemente non se volva repetir, vivir aquí a celebración máis importante das nosas letras”. Pizcueta asegurou que hai moitas antoloxías pero “esta é a máis valdeorresa porque versa sobre un poeta  valdeorrés e preséntase no concello que o viu nacer”.

 

 

Outra das persoas que máis pelexou porque a antoloxía vise a luz é o director de Galaxia, Francisco Castro, que trouxo literalmente os exemplares do libro ata Valdeorras (parados por mor da folga de camioneiros) facendo fincapé no “punto artesán” da presentación, moito que ver coa “vida comprometida do autor, sempre fiel á lingua”, tanto na súa terra, coma en EE.UU. e mesmo na guerra.

O presidente da RAG, Víctor Freixanes, autor do prólogo, viaxaba ata Valdeorras por segunda vez na mesma semana (estivera uns días antes no colexio presentando a plataforma da RAG ‘A primavera das letras’), para ser testemuño do acto, lembrando o momento, hai anos, en que lle presentaban o proxecto das Letras de Florencio na sede da Real Academia Galega. El mesmo foi quen lles recomendara poñer en circulación a obra de Florencio “porque o que non se coñece non se ama a ata ese momento Delgado Gurriarán era coñecido para os estudosos da literatura galega pero non para a poboación xeral, non era accesible ao público, de aí a necesidade dunha antolixía como esta, complemantada coa que fixo Alonso Montero, unha escolma moi ligada ao corazón do pais de Florencio, Valdeorras”, dixo Freixanes.

A última intervención corría por conta de Aurelio Blanco Trincado, presidente do IEV, institución sempre implicada na promoción da vida e obra de Florencio, e promotora hai xa anos de iniciativas para lograr o recoñecemento do autor de Valdeorras.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button