SanidadeÚltima hora

A Área sanitaria ourensá di que se está a traballar para que o Hospital de Verín retome a HADO “á maior brevidade posible”

 

Dende a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras vén de emitirse un comunicado no que se resposta ao partido socialista da provincia polas declaracións que facía na presentación dunha moción que levará ao pleno provincial, no exterior do Hospital de Verín. A área sanitaria ourensá “reitera que está traballando para que o Hospital Público de Verín retome, á maior brevidade, o servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO), para o que xa conta co persoal e os medios necesarios para a súa posta en marcha, nas mesmas condicións que no resto de hospitais públicos da provincia”.

Así mesmo, indica que “o cadro de persoal do Hospital Público de Verín está completo na práctica totalidade, case integralmente por profesionais con praza fixa ou indefinida -interinidade- o que garante a estabilidade asistencial e continuidade na atención sanitaria deste distrito”.

Tamén asegura a área sanitaria ourensá que o “Hospital de Verín conta cun servizo de Anestesia que oferta consultas e tratamento da dor, derivando a Unidade de referencia aqueles procedementos mais específicos. Xuntos elo, a Área Sanitaria foi a primeira en poñer en marcha unha vía rápida de dor, desde Atención Primaria, de xeito que calquer facultativo pode derivar directamente aos seus pacientes á Unidade de Dor do Hospital Universitario de Ourense, de referencia provincial e unha das primeiras creadas a nivel estatal e cun recoñecido prestixio profesional e asistencial”.

O comunicado indica ademais que “resulta necesario corrixir determinados datos sobre derivacións ou concertación sanitaria. No caso da hemodiálise, a súa prestación neste hospital realízase mediante un convenio coa Fundación Renal Íñigo Álvarez de Toledo, con mais de 30 anos de traxectoria en Ourense, un modelo implantado en Verín hai case 20 anos”.

Finalmente, a área sanitaria ourensá apunta que “a extrapolación de porcentaxes de derivación, ou temporalidade, o tempo medio de acceso a consultas, probas ou intervencions non reflicten nin a situación, nin o funcionamento actual do Hospital Público de Verín, que non perdeu servizos nin persoal, mantén unha ampla carteira de servizos, estabilidade profesional, accesibilidad e capacidade asistencial para atender á súa poboación”.

Back to top button