SanidadeÚltima hora

A Área Sanitaria ourensá súmase á celebración do Día Mundial do Médico de Familia

Nos primeiros catro meses deste ano os médicos de familia asumiron 16.580 consultas mais que nos mesmo período pre-pandemia en 2019

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras súmase hoxe, 19 de maio, a declaración do Día Mundial do Médico de Familia da WONCA, Organization Mundial de Médicos de Familia que agrupa ás sociedades profesionais, asociacións e institucións académicas nacionais de todo o mundo relacionadas coa práctica médica en Atención Primaria.

“A medicina familiar, e comunitaria noso país ten sido, desde a Atención Primaria, o núcleo central da sanidade pública, atendendo as necesidades asistenciais básicas da persoa en todas as etapas da vida, desde o seu nacemento á morte, e tamén, moi especialmente na nosa Área Sanitaria, as da comunidade que a rodea, intervindo para fomentar hábitos de vida saudables, apoio no coidado da saúde e empoderamento, non só do propio paciente, senón tamén do núcleo familiar, social e dos coidadores. Os médicos e médicas de “cabeceira”, a atención primaria, é responsable directa das cotas de saúde gañadas entre a nosa poboación nos últimos anos, na esperanza de vida e o envellecemento activo, un dos seus logros, que compoñen un pilar indispensable no estado de benestar. Ourense é unha das provincias mais envellecidas de Europa, pero tamén unha das que conta cunha maior esperanza de vida”, explican dende a área sanitara ourensá.

Nese senso, o Sergas destaca o “papel imprescindible dos 400 médicos de familia de Ourense desde os centros de saúde e Puntos de Atención Continuada, ao longo do tempo, e durante esta pandemia, na que serviron de dique ante o risco real de superación da demanda asistencial e permitiron manter asistencia básica á poboación, especialmente nos períodos con maior número de ingresos de pacientes COVID19, que centralizaron nalgúns momentos os recursos hospitalarios”.

Así, nos primeiros catro meses deste ano, de xaneiro a abril, os médicos e médicas de familia asumiron 16.580 consultas mais que no mesmo período pre-pandemia, en 2019. Nada mais que 1.270.721 consultas, en catro meses, mais que as realizadas nun ano sen pandemia, 1.148.111 en 2019, cando nada facía presaxiar a chegada do coronavirus.

Medicina de Familia e Futuro

WONCA declarou por primeira vez o Día Mundial do Médico de Familia (FDD), o 19 de maio, en 2010, e converteuse nun día para destacar o papel e a contribución dos médicos de familia e dos equipos de atención primaria nos sistemas sanitarios de todo o mundo.

Esta celebración “é a oportunidade perfecta para recoñecer o papel central dos médicos de familia na prestación de atención persoal, completa e continua a todos os pacientes. Tamén é unha oportunidade para celebrar os avances na medicina familiar e as contribucións especiais dos equipos de atención primaria a nivel mundial”, sinala o Sergas.

O lema deste ano é “construír o futuro cos médicos de familia”, baseado en catro piares fundamentais: O traballo en equipo, o traballo cos pacientes, as súas familias e comunidade; coas novas tecnoloxías, como as que permitiron manter na nosa provincia a asistencia no medio da pandemia; e coa participación do paciente, como nas escolas de saúde e obradoiros que se multiplican nos nosos centros de saúde.

Proxectos de Familia e Comunidade desde Ourense

Na Área Sanitaria de Ourense existen iniciativas que “exemplifican este futuro volcado no paciente e na comunidade. Por citar dous, desde o Centro de Saúde Novoa Santos, o programa de saúde comunitaria “Salubrízate” que potencia o papel do centros de saúde, como promotores de saúde e nexo de unión cos barrios e as asociacións vecinais, complementando na comunidade seu papel de responsables da atención á enfermidade”, apuntan dende a área sanitaria.

Desde o Centro de Saúde de Xinzo de Limia a iniciativa de tratamento integral e de coordinación cos axentes sociosanitarios, que ven de recibir a primeira I Bolsa de Medicina Rural de Asomega e SEMG. Proxecto de saúde comunitaria que aposta pola proximidade, por implicar aos pacientes para compartir as súas necesidades e carencias reais e expoñer e recibir peticións de abaixo arriba, para facer unha atención máis eficiente e máis humana.

“Esta e moitas outras xurden cada día desde os centros de saúde, iniciativas multidisciplinares de traballo conxunto co resto de profesionais de atención primaria, cada un desde o seu ámbito, para facer da Atención Primaria a arma tan poderosa que pode chegar a ser na atención sociosanitaria”, destaca o Sergas.

Artigos relacionados

Back to top button