CulturaCulturaEducaciónEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

A arte e artesanía da máscara, a tradición do Jarramplas de Piornal e dos Toros e Guirrios de Velilla abren o XI ViBoMask en Viana

Unha serie de conferencias no IES Carlos Casares de Viana poñía en marcha o programa deste evento, un de cuxos referentes será o desfile de mascaradas nesta vila mañá ás 17h.

 

Cun ciclo de relatorios encetábase esta mañá de 20 de marzo no IES Carlos Casares vianés o XI Festival Internacional ViBoMask Mascarada Ibérica de Viana do Bolo e Vilariño de Conso. “Estas conferencias son unha parte moi relevante do que para nós é o proxecto de ViBomask”, comezaba dicindo na apertura do acto o presidente da Asociación Robreda, Jorge Domínguez, quen agradecía a acollida da proposta no instituto, así como a presenza dos ponentes e o apoio das persoas que fan posible levar adiante este evento internacional, así como aos Concellos de Viana e de Vilariño. E convidaba á mocidade a desfrutar do festival, “saíde á rúa mañá a tocar o fulión e defendede a nosa tradición porque isto se se fai é para que o pobo estea vivo, para que Viana teña xente, porque o rural morre. Isto é para que vós o desfrutedes”.

As sesións contaban coa asistencia do alumnado do instituto, do profesorado, así como coa doutras persoas interesadas polo mundo da máscara, así como coa do alcalde de Viana do Bolo, Germán García-Ávila.

 

 

 

Era outro membro da Asociación Robreda, Pedro Basalo Bembibre, antigo alumno do IES, quen se encargaba de ir presentando aos diferentes relatores. A primeira en intervir era a antropóloga zamorana María Pilar Panero, directora da Cátedra de Estudios sobre la Tradición da Univeridad de Valladolid e investigadora principal do proxecto europeo Erasmus+MASKS, un de cuxos obxectivos principais é impulsar unha formación sobre arte/artesanía e máscara e no que arestora participan case 500 estudantes.

 

 

Pilar Panero: “Non hai unha soa cultura que non teña máscaras e son elementos vivos”

Panero comezaba explicando a escolla do título da súa intervención “Máscaras vivas, ritos, perfomances e arte mascareira”. Así, dicía, “cando falamos de máscaras non estamos falando de fósiles nin de cousas do pasado, aínda que tamén fagamos un relato etnohistórico  e as metamos nos museos, pero do que imos falar é duns elementos que usamos en todas as culturas. Non hai unha soa cultura que non teña máscaras,  úsanse para unhas cousas e outras, é moi importante que teñades esa perspectiva: Viana do Bolo e os seus marabillosos Boteiros son un gran de area no mundo da máscara. Temos máscaras vivas e non obxectos aos que idolatrar como se foran intocables”. E resaltaba que o bonito das máscaras é que “todas elas presentan rasgos comúns e son todas diferentes”.

Esta antropóloga amosaba tamén que é e como se está a desenvolver o proxecto MASKS, que ten socios de Romanía, Italia, España e Portugal e no que participan 3 universidades, 2 institucións de formación profesional espcializadas en artesanía, 2 cámaras de comercio, 2 institucións de investigación (unha pública e unha ONG), 1 museo e 2 empresas. “As máscaras son un recurso cultural, pero tamén económico, por iso ás institucións lles interesan tanto. A máscara está de moda”, matizaba.

A partir de aí distinguía entre os conceptos de rito e ritual e concretaba o concepto de perfomance, “que é a creación unha nova ritualidade, por exemplo, realizar unha representación do que facemos no Entroido ou noutras festas de inverno, que sería o caso da ViBoMask”.

A partir de aí entraba de cheo no terreo da artesanía e máscara, lembrando que esa artesanía hoxe é un ben escaso e “necesitámolo para moitas cousas, entre elas, a celebración dos nosos ritos”. Por iso, engadía, “é necesario reivindicar a cultura e os modos da vida das persoas que nos precedoron e da xente sinxela que agora mesmo está facendo historia. Temos que estar orgullosos do que herdamos”.

E poñía en relación a arte, tradición e hibridación cultural dentro do proxecto MASKS, resaltando ademais o importante papel que desenvolven as asociacións no mantemento e conservación das mascaradas. “Se percibes algo no mundo da máscara é que hai multitude de pesoas facendo cousas e traballando para non obter un beneficio”. Finalmente referíase a como as máscaras van mudando, ligadas aos cambios das comunidades das que forman parte, “a medida que vai cambiando á sociedade vanse modificando as tradicións. As mascaradas non son un cofre pechado, senón un cofre aberto”.

 

 

Mario Moreno: “No Jarramplas (Piornal) dentro da máscara xúnguese emotividade e relixiosidade”

A continuación interviña o antropólogo estremeño Mario Moreno que falaba sobre a festa do Jarramplás, da súa localidade natal, Piornal (Cáceres), sobre “memoria e sobre patrimonio inmaterial”. Tras situar xeograficamente Piornal, que está a 1.175 m de altura, comentaba que estivo “practicamente incomunicado ata os anos 50 do pasado século XX, cando se construíu unha estrada”, isto permitiu que se conservaran tradicións como é o caso do Jarramplas, unha de cuxas imaxes máis icónicas é a destas figuras en medio dunha batalla nabal. Ata 30.000 nabos se chegan a botar. Detallaba as orixes desta celebración, tanto dende o punto de vista lendario, con referencias a un ladrón de gando; como as que vinculan esta mascarada coa expulsión simbólica do inverno.

“A partir da máscara constrúese o ritual festivo”, afirmaba para, deseguido, explicar, intercalando vídeos e comentarios, o que supón “estar detrás dela, estar dentro dela e estar fronte a ela”. Detrás desta máscara “sempre está un piornalego, un home, hai unha lista de 20-30 anos para cumprir esta tradición, hai quen inscribe xa ao seu fillo cando nace”, apuntaba Moreno. Portala implica unha gran condición física, tendo en conta que chega a pesar en conxunto uns 50 quilos. E, dentro da máscara, vívese unha experiencia moi especial, na que se xunguen a emotividade coa relixiosidade, neste caso ligada á figura de San Sebastián, tendo en conta que a festa ten lugar os días 19 e 20 de xaneiro”.

E, finalmente, fronte á mascara está “a comunidade, o pobo, a xente que participa e dunha maneira moi activa. Ademais hai un grupo de xente, unhas 17 peresoas duns 30 anos, que acompañan e dan apoio ás máscaras: son os Maiordomos, que á vez, custean a festividade xa que detrás dela non hai ningúntipo de institución. “Son piornalegos e dende pequenos transmitíronlles o valor de contribuír ao desenvolvemento desta celebración. Esta tradición di moito do que fomos e do que somos”.

 

 

Paco Diéguez (Matamá, Laza): “O Piliqueiro revístese para o rito que vai representar”

Ao mundo da artesanía das máscaras, e máis en concreto ás de Peliqueiro, volvíase na intervención de Paco Diéguez, artesán de Matamá (Laza), quen confesaba a súa satisfacción por volver pisar un centro de ensino vianés, xa que de neno estudaba nesta vila. A continuación, describía as singularidades da careta de Peliqueiro, deténdose nas súas diferentes partes: o cabaco, “cun naris garrucho e sorriso amplo”; a mitra, “que é o que lle dá nome ao Piliqueiro, que se reviste para o rito que vai representar”; ou as las (pompóns que penduran a cada lado da careta, de cores vermella, rosa e verde).

Amosaba, a través de dúas caretas, como ten evolucionado a face dos Peliqueiros co paso das décadas, tamén os elementos interiores da careta, e mesmo se refería ao cambio nos motivos da mitra, que poden ser de animais, florais ou astrais. “O Peliqueiro representa a terra, que pisa e o que vive ao seu redor, e o ceo”.

 

 

Gari: “O Guirrio é o xerarca absoluto en Velilla de la Reina (León)”

Este conxunto de relatorios, agrupados baixo o nome de “ViBocultura” completábase coa presentación que un representante da Asociación de Toros e Gurrios de Velilla de la Reina (León), Gari, facía do seu “Antruejo”. Un relato sobre “a loita da supervivencia dunha tradición dunha aldea de 120 habitantes e con pouca mocidade”, protagonizada por dúas máscaras principais: o Guirrio “coas súas enaguas e que é unha figura máis ecléctica” e o Toro, “que é o xerarca absoluto no Antruejo de Velilla, e rodeado dunha mística moi importante que vai máis alá da careta. Antigamente eran personaxes masculinos que levaban os quintos”.

Lembraba como a tradición estaba a piques de desaparecer nos anos 60-70 por mor da emigración e como a raíz de que un mozo do lugar decidía facer unha tese sobre esta festa, esta rexurdía. Tamén citaba o labor e esforzo que desenvolve para mantela viva Emiliano Blanco, xunto con outros veciños e veciñas de idade.

O director do IES Carlos Casares de Viana pechaba este ciclo de conferencias cun agradacemento aos relatores, que recibían un agasallo, e tamén o labor da Asociación Robreda.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Vídeos: O SIL.

Back to top button