CulturaCulturaÚltima hora

A artista valdeorresa Reme Remedios expón no espazo de arte coruñés Pareidolia

A exposición 'Xardín de chuvia' inaugúrase este xoves 17 de febreiro ás 20 horas

A artista valdeorresa Reme Remedios.

 

Pareidolia, espazo de arte coruñés dirixido pola artista Alejandra Parco e dedicado á divulgación das artes plásticas mediante clases, talleres monográficos, exposicións e outros eventos culturais, acollerá dende mañá, xoves 17 de febreiro, unha exposición da artista valdeorresa Reme Remedios.

 

Unha das acuarelas que formarán a exposición de Reme Remedios.

 

Trátase de ‘Xardín de Chuvia’, unha mostra que inclúe 12 acuarelas da serie ‘Chorar’ e dúas de ‘Flores de Invierno’. Tal como explica a propia artista, ‘Chorar’ comezou a forxarse no ano 2019 nunha viaxe que fixo a Braga (Portugal). “En Braga as fontes da escalinata do Bon Xesús do Monte manan e acompañan a subida ao Templo, a baixada á cidade; chorros de auga atopan unha canle de saída nas tallas de pedra para Chorar perpetuos os ollos, as orellas, a boca, o nariz… Escoitándoas lembrei a sensación de cando o corpo chora só, un acontecemento orgánico sen drama. Así mesmo deixo chorar ás imaxes que chegan ao papel mollado, fluíndo o xesto coa auga, a acuarela”, explica Reme.

 

Outra acuarela da mostra ‘Xardín de Choiva’.

 

A serie ‘Chorar’ continúa de xeito paralelo con outras series como é ‘Flores de inverno’ recentemente nada. “Unha explosión serea, alegre, representación de seres que ocupan case todo o papel e que nacen sobre vexetación húmida, molladas pola auga da choiva, pola xeada que se derrite en acuarela azul, amarela. Aínda é temperán para definir a nova serie, pero podo dicir que hai un espazo amplo que se abre nos meus ollos cando a imaxino, aínda que non atope imaxes conformadas nin palabras”, asegura a artista natural de Romiña, Casaio (Carballeda de Valdeorras).

Esta exposición dará a oportunidade de coñecer á artista e escoitar as súas reflexións sobre a auga, o xesto e a cor.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button