A Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao vén de emitir un comunicado de prensa no que demanda ao goberno “medidas urxentes para baixar prezos e aos convocantes da folga que negocien e acorden xa o seu final”.
Desta agrupación empresarial alertan tamén “do inminente perigo de peche dalgunhas empresas, por agora de forma temporal, e de que algunhas cadeas de produción poidan derivar en desabastecemento de produtos de primeira necesidade debido a un paro que suma hoxe o seu cuarto día. Conscientes de que a situación pon contra as cordas a moitas empresas, conminamos ao Goberno a que tome medidas urxentes para baixar o prezo do combustible e evitar o colapso económico (axudas directas ou redución de impostos) e aos convocantes a que senten a negociar para poñer fin a unha escalada de danos e perdas nas empresas que desembocará en peches e despedimentos se non se lle pon remedio, empeorando gravemente a maltreita economía empresarial”.
Así mesmo, dende a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao indícase que “en paralelo, e aínda entendendo e compartindo o malestar do sector do transporte, cuxos problemas polo incremento de prezos non son distintos aos que sofren as industrias, a agricultura e as empresas de servizos, consideramos intolerable, e por tanto, condenamos a actuación dos piquetes informativos. Non polo que se demanda, senón polo grave dano económico que a súa actuación ocasiona ás propias empresas e ao sector empresarial en xeral”.
Din dende esta asociación que “os incidentes sucédense de forma preocupante no Polígono, cercado por piquetes que non permiten a entrada nin saída de mercadorías e cuxa actuación pode xerar un grave problema de seguridade na subministración alimentaria e industrial e o desabastecemento de produtos de primeira necesidade”.
En definitiva, esta asociación empresarial pide “respecto para quen libremente decide seguir prestando a súa actividade, un dereito que tamén ha de ser garantido por todos os medios”.