OurenseÚltima hora

A asociación de veciños de Seixalbo amosa a súa “indignación” polos continuos cortes de auga

Vén de presentar no concello de Ourense un escrito solicitando a "urxente substitución da tubaria de abastecemento de auga procedente de Rairo"

Foto de arquivo.

 

A Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo vén de presentar no concello de Ourense un escrito dirixido ao alcalde solicitando a “urxente substitución da tubaria de abastecemento de auga procedente de Rairo, no tramo Camiño de Riazón e Rúa da Igrexa que rompe periodicamente, deixando sen auga potable á vila”.

Aseguran que desde o concello ourensán tense requirido en diversas ocasións á asociación veciñal “informe das necesidades básicas en materia de infraestruturas, e cada vez que nos reunimos con algún departamento desta competencia, unha das nosas reivindicacións fundamentais nos últimos dez anos é a imperiosa necesidade da substitución da rede de subministro de auga domiciliaria que, construída nos anos sesenta do século pasado con tubaria de fibrocemento, está a romper periodicamente, causando os correspondentes problemas de subministro”.

Dende a asociación alertan de que este problema crónico, que deixa tres cuartas partes da vila sen auga, con importante afección tamén a negocios (café-bares, forno panadería e supermercado) estase a producir dunha alarmante forma periódica. “Era frecuente unha rotura ao mes, pero nestes últimos tempos pasamos a unha rotura cada quince días e xa, neste inicio do ano 2021 a rotura alcanza frecuencias semanais”, explica o presidente do colectivo veciñal, Xosé Carballido, engadindo que cada reparación, “deixa as rúas intransitables durante uns días, e o resultado final é unha rede viaria chea de remendos. Os gastos de mantemento e reparación desta infraestrutura supera, con moito, a substitución integral de todo o equipamento neste tramo”, conlúe.

Artigos relacionados

Back to top button