En portada

A avespiña, a maior ameaza para o castiñeiro

Esta praga será un dos temas principais do V Encontro Europeo da Castaña, que se celebrará do 11 ao 13 de setembro no Bierzo
Souto de castiñeiros na provincia de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.
Souto de castiñeiros na provincia de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

A avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus) é a ameza máis perigosa do mundo para o castiñeiro, xa que pode chegar a reducir a súa produtividade ata nun 80%. De aí a gran preocupación coa que está vivindo o sector galego a súa presenza en Galicia, tendo en conta que segue estendéndose pola comunidade. A finais de agosto detectábase tamén en varios concellos ourensáns: Ourense, Verea, Celanova, Bande, Barbadás, Amoeiro e Pereiro de Aguiar, segundo recollía o 29 de agosto o Boletín fitosanitario de avisos e informacións.

“Temos constancia de que vai en aumento, xa son moitos os puntos nos que se ten detectado. Vemos que está máis centralizado en Ourense e Lugo, se ben parece que, de momento, nas zonas de montaña non ten tanta incidencia e en Pontevedra tampouco se detectou. Pero vaise ir propagando por todas partes”, asegura Jesús Quintá, presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia.

A solución pasa por outro insecto, un depredador natural da avespiña do castiñeiro: o Torymus sinensis. “A medida para combatir a praga é a loita biolóxica. A cuestión é facelo o antes posible, porque canto máis localizada estea, máis doada vai ser de controlar”, puntualiza Quintá. Por iso nos últimos meses a IXP e Proagrosilga veñen mantendo diversos encontros coas administracións, tanto a nivel español como galego, de cara a poñer en marcha esta loita biolóxica.

As súas demandas eran atendidas pola Consellería de Medio Rural que se comprometía a facer solta de Torymus o vindeiro ano. Así llo comunicaba ao sector a titular deste departamento autonómico o pasado o 12 de xullo.

A praga da avespiña do castiñeiro será un dos temas principais do V Encontro Europeo da Castaña, que se celebrará do 11 ao 13 de setembro no Centro Cultural Río Selmo de Ponferrada. O seu programa incluirá exposicións e comunicacións, ademais de saídas técnicas para facilitar o encontro entre produtores, empresas comercializadoras e industria transformadora.

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
A reportaxe íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button