A competición de contacto regresará no mes de maio ao Barco de Valdeorras da man do Mamba Figth Club dirixido por Diego Vázquez e do Club Kickboxing Valdeorras con Juan J. Pardo Bravo.
O 19 de maio celebrarase no pavillón vello o “MFC 030 Concello do Barco”, centrado nesta ocasión no boxeo, con combates amateur, neoprofesional e profesional. De feito, tal como adianta Juan dende Valdeorras este ano recuperan un combate de boxeo profesional logo de anos de ausencia no Barco.
Por parte do club vadeorrés debutarán nesta velada de boxeo Andy Canosa e Ángel García. No combate profesional loitará Antonio Barrul, de León, seis veces campión de España e membro da seleción que empezou este ano a súa carreira como profesional.
No apartado de recoñecementos, a Barca de Ouro desta edición, galardón ideado pola organización para “distinguir a deportistas e adestradores barquenses pola súa traxectoria” será para o fundador e presidente do Club Adas Cupa, Agustín González “Tinín”. “Teno máis que merecido por todo o que leva feito polo deporte e especialmente polo atletismo en Valdeorras”, di Juan J. Pardo, explicando que se trata dunha barca feita a man.