ConcellosÚltima hora

A borrasca Fabien provoca numerosas incidencias en Valdeorras

Ao longo da xornada caeron árbores en diferentes puntos da comarca

Retirando unha árbore da N-120 no termo municipal de Vilamartín. / Foto: Mónica G. Bellver.

 

Dende primeira hora desta tarde de sábado 21 de decembro, as fortes rachas de vento que trae consigo a borrasca Fabien, a terceira en menos dunha semana, deixaron a súa pegada en diferentes puntos da comarca de Valdeorras.

En plena N-120 membros de Protección Civil de Vilamartín retiraban pasadas as seis da tarde unha árbore caída no carril dereito (dirección A Rúa), pouco despois do desvío para Córgomo e Valdegodos. No mesmo termo municipal de Vilamartín, xusto no límite co do Barco, entre A Proba e Arcos, en torno ao mediodía, outra árbore caía invadindo totalmente a estrada. Segundo o 112, Vilamartín rexistraba un total de 4 incidencias ata o momento.

 

Retirando a árbore caída en Petín. /Foto cedida.

 

En Petín, tamén pola tarde, outra árbore de grandes dimensións, caída dende unha finca privada, cortaba a estrada principal da localidade. Ademais producíase un pequeno desprendemento de pedras sobre a N-120 ao seu paso polo concello da Rúa; e no Barco, o vento arrancaba chapas do lateral dun edificio situado entre as rúas Doutor Pérez Lista e Paseo do Malecón.

 

Lateral do edificio do Barco no que o vento arrancou as chapas.

 

A Xunta mantén activa a alerta laranxa en toda a comunidade por ventos moi fortes que poden alcanzar os 100 km/h. De feito todas as actividades deportivas ao aire libre para hoxe foron suspendidas, así como outro tipo de eventos como a conferencia programada para esta tarde polo IEV.

 

Artigos relacionados

Back to top button