Na tardiña deste 4 de xaneiro chegaban á vila de Trives os Reis Magos para deixar o Buzón Real, situado na praza do Pilón. Os máis pequenos xa poden depositar nel as súas cartas. Ademais, as súas maxestades de Oriente teñen previsto volver a Trives mañá, 5 de xaneiro, para participar nunha longa cabalgata real a partir das 15:30h.
“Será unha cabalgata diferente para poder cumprir coas medidas impostas por mor do Covid-19, pero chea de ilusión”, adiantan dende o Concello de Trives. “A diferenza do pasado ano, evitaremos aglomeracións para así evitar contaxios. Desa forma, en lugar de seguir o itinerario dos Reis, serán éstes os que pasen polas casas dos nenos, suprimindo a recepción oficial”.
Por iso, dende esta administración local pidéselle aos pais que agardan cos máis pequenos na casa, dende cuxas fiestras ou balcóns poderán saudar a Melchor, Gaspar e Baltasar. Os Reis “visitarán todos os pobos onde haxa nenos (é dicir, todos agás Navea xa que nos confirman non hai ningún) xunto coa comitiva dos paxes e a música das panxoliñas”.
O percorrido da cabalgata, que sairá ás 15,30h da vila, será o seguinte percorrido: Barrio, Sas, Santa María, A Pena Folenche, San Mamede, Pareisás, Cova, Penapetada, Anagaza, Somoza, A Encomenda, Sobrado, Mendoia, San Fiz, Vilanova, Carballal, San Lourenzo, Mormenta, Castro e Cotarós. Finalmente, a cabalgata fará un percorrido por todas as rúas da nosa vila de Trives.
