
Está esculpida nun único bloque de granito (duns 36,5 cm de lonxitude por 18,5 cm de altura) e presenta un rostro marcadamente esquemático e plano, cun nariz prominente que se proxecta desde a fronte, flanqueada por dúas fendas que parecen suxerir unhas cellas incisas. A cabeza antropomorfa de Armea, de inicios do século I despois de Cristo, forma parte da “plástica castrexa” procedente do xacemento galaico-romano da Cidbá de Armea, situado en Santa Mariña de Augas Santas (Allariz). Esta singular escultura ten sido escollida como Peza do Mes de Febreiro polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.
“As representacións de cabezas antropomorfas gravadas en pedra, coñecidas no ámbito galo como têtes coupées, constitúen unha das manifestacións máis singulares da plástica dos pobos prerromanos en diversos territorios europeos. Este tipo de iconografía documéntase amplamente en rexións como a península ibérica, Francia ou Italia, contando tamén con exemplos significativos no territorio da antiga Gallaecia. As manifestacións máis antigas documentadas na Gallia meridional remóntanse aos s. VII-VI a. C. ata os séculos III-II a. C., mentres que nese mesmo territorio estas manifestacións concéntranse a finais da Idade do Ferro. Exemplos tardíos, como os de Armea ou os de San Cibrao de Las, datados no cambio de era, amosan a continuidade destas tradicións escultóricas en contextos xa romanizados, que evidencian a pervivencia dun repertorio iconográfico propio dunha época anterior”, explican Nerea Ruanova Álvarez, Alba. A. Rodríguez Nóvoa, Patricia Valle Abad, Adolfo Fernández Fernández na publicación do Museo adicada a esta peza. O acto de presentación da mesma está previsto para o día 11 de febreiro, mércores, ás 20:00h na sala de exposicións “Escolma de escultura”, en Ourense.
Así mesmo indican, que arredor destes elementos téñense formulado diversas hipóteses “relativas tanto á súa localización dentro dos espazos habitados como ao seu significado social e simbólico” E delas, a teoría máis aceptada “vincula estas representacións co denominado culto á cabeza – Schädelkult–, segundo o cal a cabeza era concibida como a sede da alma, da forza vital e do poder do individuo. Desde esta perspectiva, a representación escultórica de cabezas humanas tería un marcado carácter ritual e simbólico, máis alá do seu posible valor decorativo. Asociada a esta concepción atópase a hipótese das cabezas-trofeo vinculadas a prácticas rituais, representacións funerarias ou imaxes destinadas á exaltación de devanceiros heroicos, actuando como elementos de memoria colectiva e cohesión social. Neste contexto, a súa integración na arquitectura doméstica reforzaría a súa función simbólica como protectores da liñaxe ou do grupo. Esta función relaciónase estreitamente cunha lectura apotropaica, segundo a cal as cabezas actuarían como elementos protectores do espazo, especialmente nos accesos aos asentamentos ou en estancias significativas”.
Neste marco, as investigadoras conclúen que a cabeza da Cidbá de Armea “pode entenderse como parte dun sistema simbólico complexo, no que conflúen relixiosidade, identidade comunitaria e arquitectura, reflectindo a pervivencia de crenzas indíxenas nun contorno xa romanizado”.