ConcellosEn portadaÚltima horaVídeos

A campaña de apoio aos afectados polos lumes impulsada polo GEM Águilas Verdes logra o apoio de AEVA e do CCA

O prazo para facer as doazóns, ben na conta ES69 2080 0405 4230 4004 4500 de Abanca ou por bizum, ábrese mañá e prolongarase ata o 31 de agosto

Publicidade

 

Vaise concretando a campaña solidaria de apoio aos afectados polo incendio forestal que asolaba Valdeorras que impulsa o Grupo de Espeleoloxía e Montañismo (GEM) Águilas Verdes, coa colaboración da Asociación de Veciños O Regueiral de Rubiá. Facíase pública tras unha xuntanza celebrabada o pasado 23 de xullo na Casa da Cultura desta localidade. “Preténdese axudar aos afectados polos indendios forestais que perderon a súa primeira vivenda, xa que eles son os máis necesitados en artigos de primeira necesidade como roupa ou produtos de hixiene persoal”, explicaba naquela xuntanza o vicepresidente deste GEM, Marcos Fernández, adiantando que se ían manter xuntanzas con representantes do Centro Comercial Aberto (CCA) do Barco e da Asociación Empresarial de Valdeorras de cara a establecer unha fórmula para canalizar axudas e doazóns que dean respostas a estas necesidades urxentes de forma sinxela e fácil para os damnificados.

Tras eses encontros, estas dúas entidades empresariais veñen de sumarse ao proxecto, tal e como se anunciaba nunha rolda de prensa conxunta celebrada esta mañá na praza do Concello do Barco. “Puxémonos en contacto con AEVA e coa Asociación Centro Comercial Aberto O Barco para colaborar na recadación de fondos, que se distribuirán entre os afectados para que podan mercar nos establecementos integrados nestas entidades. Consultados os Concellos de O Barco, Carballeda e Rubiá, para coñecer cantas son as familias que perderon a súa primeira vivenda, e a falta de confirmación do de Carballeda, son un total de 8. Entendemos que son estes damnificados aos que temos que destinar a recadación que se xunte con esta campaña solidaria porque, ao resultar afectada polo incendio a súa vivenda habitual, tamén perderon o mobiliario, o enxoval doméstico, a roupa e, en definitiva, todos os bens precisos para cubrir as súas necesidades básicas e de supervivencia”, comentaba o vicepresidente do GEM Águilas Verdes, Marcos Fernández, que no acto estaba acompañado por Javier Fernández, secretario da entidade.

 

 

Xunto a el, o presidente do Barco Centro Comercial Aberto (CCA), Jacobo Arias, explicaba que esta iniciativa solidaria persegue un dobre obxectivo: “prestar axuda aos veciños damnificados pola vaga de incendios da comarca, e por outra apoiar ao comercio local. Para concretar esta campaña abriuse unha conta especifica en Abanca, co número ES69 2080 0405 4230 4004 4500, na que calquera interesado pode facer aportacións, ben a través de transferencia bancaria ou por bizum, ao número 698 130 564. O prazo para facer as dozóns mañá día 3 de agosto e remata o día 31 de agosto. Para que os damnificados podan comezar a comprar os produtos necesarios, faremos un primeiro reconto dos fondos obtidos na primeira quincena de agosto, e un segundo ao finalizar a campaña”.

Finalmente, a vicepresidenta de AEVA, Pilar Pérez, expicaba que, no relativo ao desenvolvemento da campaña, “estamos a estudar o procedemento que estamos a estudar o procedemento que levaremos a cabo para posibilitar o investimento dos fondos recadados no comercio comarcal, que se repartirán, a partes iguais, entre as familias que perderon a súa primeira vivenda. Estamos valorando a posibilidade de entregar aos damnificados cheques para que os empreguen como medio de pago nos establecementos, e así os comerciantes poidan trocar os cheques directamente na entidade bancaria. Posiblemente este sexa o xeito mais sinxelo e áxil de distribuír os fondos”.

 

 

Así mesmo, a representante de AEVA indicaba que, “aproveitando que dende a asociación temos experiencia na tramitación de axudas para os empresarios asociados, ofrecemos a nosa colaboración para a solicitude das subvencións habilitadas pola Xunta de Galicia, tamén neste caso para as familias que perderon a súa vivenda habitual. Agardamos que esta campaña sexa un éxito e que logremos contribuír á recuperación dos damnificados pola vaga de incendios”.

Artigos relacionados

Back to top button