En portadaÚltima horaVídeos

A Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas de Vilamartín convida á poboación a repetir a alta participación do 2019

A 5ª edición desta cita, deportiva e solidaria 100%, celebrarase o 27 de novembro a partir das 10 horas

 

No ano 2019, cando se celebraba a última edición presencial, a Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas de Vilamartín lograba 1.200 inscricións, o que permitiu recadar 19.500 euros que foron donados integramente para a investigación, unha cifra espectacular que “nos gustaría volver convocar este ano”.

Quen fala é Eva Iglesias, representante de ACAPAVAL (a asociación valdeorresa de cancro de páncreas da que forma parte xunto a Belén e Patricia, as tres organizadoras do evento na comarca), na presentación da quinta edición deste evento, 100% solidario, que se celebrará o vindeiro domingo 27 de novembro en Vilamartín de Valdeorras.

 

Eva Iglesias co cartel da carreira, na presentación.

 

“Tras dous anos de celebración virtual na que se reduciu a participación, neste 2022 regresamos coa edición integramente presencial, onde nos gustaría volver convocar ese número de inscritos e se é posible que se sume máis xente”, di Eva, explicando que a iniciativa forma parte dun proxecto nacional que nacía hai 8 anos. “No caso de Vilamartín comezamos no ano 2018 pola perda dun familiar, unha persoa moi xove por causa desta enfermidade, para que a súa marcha non fose en van e aportar o noso gran de area para axudar á xente que pasa por un trauma similar xa que os diagnósticos co cancro de páncreas normalmente son moi drasticos e teñen mal final”, explica Eva, lembrando que a totalidade das inscricións vai dirixido ás asociacións ACANPAN  (sociación creada para promover actividades que incentiven a investigación do cancro de páncreas a nivel nacional) e AESPANC (Asociación Española de Pancreatoloxía) que dende hai 8 anos convocan as becas de investigación básica e aplicada para o tratamento e diagnóstico do cancro de páncreas.

 

 

A presentación oficial da carreira valdeorresa tiña lugar no mediodía deste xoves 10 de novembro diante do Hospital Público de Valdeorras e alí, Eva explicaba que este ano o lema do evento é “Corre por min, corre por ti” e contará con tres modalidades. A primeira en saír, ás 10 horas dende O Bañadoiro, será a andaina longa (16 km); ás 10:30 horas sairá a carreira (16 km), incluída dentro do calendario da Federación Galega de Atletismo; e ás 11 horas a andaina curta (7 km). Ao remate, no mesmo lugar de saída haberá bebida e petiscos para os participantes así como unha sesión divulgativa “na que contaremos con profesionais sanitarios que nos falarán sobre o cancro de páncreas para concienciar á poboación sobre esta enfermidade”.

 

 

Con respecto ás inscricións (10 euros para os adultos e 5 euros para os menores de 16 anos), a venda anticipada online estará aberta ata o 22 de novembro en carreirasgalegas.com. De forma presencial poderán facerse en varios establecementos (Bicis Chapi, Garoba e Trisport, no Barco; Librería Teresita e Trastos, en Rubiá; e Fimar Consultores, en Vilamartín). Con todo, a idea é dar a posibilidade de que se anoten ata os máis rezagados polo que tamén se poderá facer o mesmo día da carreira dende as 8:30 horas e ata 1 hora antes do comezo das respectivas probas. Tamén haberá Fila 0.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button