
A Carreira Pedestre Popular do San Martiño afronta a 49 edición con novidades destacadas, como un novo percorrido, un importante aumento nos premios económicos e o reforzo da implicación dos centros educativos.
O salón de plenos do Concello de Ourense acollía, na mañá deste xoves 1 de outubro, a presentación oficial desta cita emblemática do deporte ourensán, que se desenvolverá o domingo, 8 de novembro. Está organizada polo Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense, coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, e as empresas CaixaBank, Ecoauriense, Veolia, Gadisa, Pérez Rumbao, CHC Energía, Coca-Cola, Pilar Cataño e Apersa.
A proba absoluta, sobre unha distancia de 10 quilómetros, está incluída no Calendario da Real Federación Española de Atletismo 2026 coa categoría Internacional Nivel II. A saída terá lugar ás 11 horas na Ponte do Milenio e a liña de meta estará na rúa do Progreso, á altura da praza de Concepción Arenal. Estableceranse varios caixóns de saída, sinalizados por cores, en función da marca acreditada.
Itinerario
Ponte do Milenio – Xesús Pousa – Avenida de Marín – Otero Pedrayo – (2ª glorieta C536) – Otero Pedrayo – Rodríguez Castelao – Cardeal Quevedo – Habana – Curros Enríquez – Paseo – Lamas Carvajal – Praza Maior – Bispo Carrascosa – Moratín – Colón – Padre Feijóo – Lugo – Ben-Cho-Shey – Galicia – Ramón Puga – Saínza – Avenida de Zamora – O Cumial – Zamora – Progreso – Praza de Concepción Arenal.
As categorías Sub18, Sub16 e Sub14 (5 km) terán a saída conxunta ás 12:10 horas; a Sub12 e Sub10 (1,1 km), ás 13, e a Carreira Inclusiva ás 13:20 horas.

Aberto o prazo de inscrición: Inscricións na San Martiño 2026
• Categoría Absoluta: A taxa é de 5 euros para quen se anote ata o 21 de outubro. Do 22 de outubro ao 1 de novembro, o prezo será de 7€.
• Menores e Inclusiva: A participación é de balde.
O prazo xeral de inscrición pecharase o 1 de novembro ás 23.59 horas. Para os centros escolares que participen nas probas de menores, a data límite de tramitación será o 19 de outubro.
Carácter solidario
Tanto as persoas participantes como quen non corra a proba poderán realizar doazóns económicas a favor duna causa solidaria a través da pasarela de inscrición, esta última opción mediante o Dorsal 0.
Galardóns económicos
A proba distribuirá importantes premios económicos nas categorías masculina e feminina:
• Clasificación absoluta: 4.000, 3.000 e 2.000 euros para os tres primeiros postos, sempre que realicen marcas inferiores a 29′ (homes) e 32′ (mulleres). Se superan eses tempos, serán de 2.000, 1.500 e 1.000 €.
• Atletas locais: 600, 400 e 200 euros para os tres mellores clasificados do concello en cada categoría.
• Premio Especial CaixaBank: 300 euros para o primeiro home e a primeira muller en cruzar o punto de control do quilómetro 5.
• Récord do percorrido: Incentivo de 1.000 euros se se melloran os tempos de 28′ 42” (homes) e 30′ 23” (mulleres).
