Na noite do venres 5 de xullo a rúa Doutor Vila, na Rúa, recentemente reformada, volvía converterse nun xigante restaurante ao aire libre para acoller a unhas 550 persoas que asistían a unha nova edición da cea popular do CarnaVrao 2024.
Organizada pola Asociación San Cristóbal, os preparativos comezaban xa o día anterior coa decoración da rúa onde onte pola tarde se instalaban as mesas. E xa pasadas as dez e media da noite e ao ritmo da charanga Achicoria de Xinzo, comezaba a cea elaborada e servida un ano máis por Mantesil, na que se serviron 70 empanadas, 80kg de langostinos cocidos, 350 kg de costela de tenreira asada e 1.400 patacas, ademais de bica e xeado, café e licores.
Trala cea e igual que en anteriores edicións, procedíase ao sorteo de 500 euros. O fin de festa corría por conta dos bares con actuacións en directo.
O programa do CarnaVrao 2024 continúa hoxe co desfile de comparsas a partir das 20 horas dende a rúa Campogrande (onte xa pudo verse algún grupo disfrazado durante a cea). E o mercores día 10 de xullo ás 20:30 horas, será a celebración de San Cristóbal, con misa e procesión de coches.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.