EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

A CEO reclama “as infraestruturas que Ourense necesita, sobre todo, a A-76 e a A-56”

A Confederación Empresarial de Ourense celebraba esta tarde a súa asemblea anual, que foi clausurada polo presidente da Xunta

 

A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) vén de celebrar esta tarde a súa asemblea xeral ordinaria de maneira presencial integramente, congregando no salón de actos da sede de Afundación a un nutrido grupo de compromisarios e compromisarias que participaron nesta cita anual na que a entidade rende contas da súa actividade.

Os asistentes (representantes das distintas asociacións e empresas da CEO) aproban os puntos da orde do día relativos a contas e orzamentos da Confederación, ademais de ratificar o balance de asociados, así como o repaso dos asuntos da entidade relativos ao último ano, establecendo tamén as liñas de actuación e proxectos para o presente exercicio.

A presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, realizou no seu informe un exhaustivo repaso da actividade da entidade no último ano, destacando os proxectos de iniciativa público-privada que a Confederación leva a cabo mediante convenios con distintas administracións. Neste sentido, lembrou as cifras actuais de Conecta Ourense, as oficinas que a CEO estableceu en Ourense, Verín e O Barco para detectar o potencial innovador de empresas e facilitarlles o acceso e tramitación de axudas: un total de 43 empresas están asesoradas e acompañadas para lograr este fin, con elas Conecta Ourense fai seguimento para asistilas nas necesidades que teñan en canto á tramitación de subvencións e acompáñaas no seu camiño cara á innovación. Ademais, as actividades desenvolvidas por Conecta Ourense de fronte ao asesoramento e información -ben presencialmente ou por outros medios telemáticos-, chegaron xa a 212 empresas na provincia. Novoa destacou este balance como ‘moi positivo para levar só 4 meses en funcionamento’.

Tamén dedicado á competitividade, esta vez do sector vitivinícola, a CEO pon mañá martes fin ao Obradoiro que desenvolveu en dez sesións semanais para o Impulso de Proxectos Tractores de Competitividade no Sector Vitivinícola: Dixitalización e Industria 4.0, nesta ocasión en colaboración co Igape e que posibilitou o acceso ás adegas participantes a temáticas fundamentais para dar o salto cara á dixitalización dos seus negocios. Nos dous meses e medio de duración, os profesionais do viño puideron abordar desde as experiencias enoturísticas en liña, o márketing dixital internacional ou a solución Datawine de telemetría para adegas, o aforro enerxético a través de placas solares fotovoltaicas, a guía de ecodiseño para o sector, a dixitalización administrativa mediante a firma e factura electrónica ou os servizos e oportunidades que ofrece a rede Enterprise Europe Network para as empresas, principal rede de apoio a empresas promovida desde a Comisión Europea. O martes 5 de xullo este Obradoiro pecha o ciclo de sesións con dúas temáticas, por unha banda, a presentación das axudas á dixitalización e á economía circular por parte do subdirector de desenvolvemento de negocio do Igape Eladio Otero e, por outro, como realizar o cálculo da pegada de carbono nas adegas.

A presidenta da CEO lembrou tamén a posta en marcha en próximas datas do programa Reactiva45, en colaboración coa Deputación, que dará continuidade a Reactiva Mulleres celebrado en 2021 e que persegue a reincorporación laboral de persoas desempregadas maiores de 45 anos a través da formación e o acompañamento na procura de emprego. Novoa achegou tamén o balance doutros proxectos realizados e vinculados co emprendemento como We’re In Mujeres en Acción en colaboración coa Universidade de Vigo e no marco de Erasmus+ e o Laboratorio de Iniciativas Sostibles dentro da Rede Eusumo.

No apartado das colaboracións institucionais lembrou tamén a estreita cooperación da CEO con consellerías como Promoción do Emprego e Igualdade, Cultura, Educación e Universidades, e Infraestruturas e Mobilidade. Con respecto a esta última, aludiu ás reunións periódicas que mantén co seu titular Ethel Vázquez, para facer balance e seguimento dos avances nas infraestruturas que desde a Confederación reclaman a través da Comisión de Infraestruturas e PXOM, organismo que reclama insistentemente, apuntou Novoa, ‘as infraestruturas que Ourense necesita, sobre todo as autovías que, por desgraza, despois de décadas seguen sendo proxectos, como a A-56 ou a A-76, así como a continuación AG31 ata a fronteira con Portugal’.

 

 

Tamén houbo mención para as actividades máis recentes como a integración da CEO no Consello Estratéxico de Confminho, órgano consultivo da Confederación Empresarial da Rexión de Minho que se encarga de elaborar propostas de decisións, recomendacións e opinións para trasladar á dirección da organización sobre asuntos de interese económico ou empresarial na área da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, ámbito xeográfico no que a CEO ten xa unha ampla traxectoria de realización de proxectos transfronteirizos a través de colaboracións con distintas entidades. Igualmente, destacou tamén a presenza da entidade no Consello Municipal de Turismo, organismo que traballa coas achegas de distintos organismos e asociacións para optimizar a chegada do AVE e consolidar Ourense como destino turístico.

O informe anual da presidenta repasou tamén actividades divulgativas e de representación levadas a cabo pola CEO ou coa súa participación, como xornadas informativas, eventos, actos, certames ou feiras.

Reivindicacións e desafíos actuais

Marisol Novoa destacou o empeoramento da situación económica desde a última asemblea celebrada en setembro de 2021, ‘o escenario hoxe é enormemente distinto daquel no que tan só queriamos que a pandemia terminase; hoxe, con todo, comprobamos e sufrimos como outros problemas e obstáculos foron substituíndo a aquela situación, e empeoraron o noso contexto e a contorna no que levamos a cabo a nosa actividade’. Pandemia, inflación e guerra son as 3 crises que ‘enfrontamos nos últimos anos e que complicaron o panorama e a recuperación a empresas e familias’ polo que reclamou ‘medidas e solucións excepcionais que atenúen os efectos tan daniños que están a sufrir o tecido empresarial e a cidadanía en xeral’.

Marisol Novoa apostou por reforzar o diálogo social para atopar e debater nel as solucións á situación actual; consolidar a transformación económica e acordar as medidas que se desenvolvan para lograr unha reactivación e dinamización duradeiras, do mesmo xeito que o apoio á liquidez das empresas e os sectores máis danados ou o mantemento do tecido produtivo e o emprego. ‘Os mercados, a economía e as empresas en Galicia e en España necesitan canto antes reindustrialización, dixitalización, transformación ecolóxica e sistematizar a innovación para asegurar a competitividade actual e futura do tecido produtivo’.

Tamén avogou, en liña coas reclamacións da CEG, por acelerar e simplificar a execución dos Fondos Europeos, con prazos razoables para presentar proxectos, e que a participación de Galicia en proxectos estratéxicos sexa completa e permita desenvolver unha reinvención da industria e o sistema produtivo galego, apontoando sectores igual de estratéxicos e fundamentais para os cambios que liderarán o futuro da economía.

A presidenta asegurou que para contribuír a isto ‘desde a CEO seguimos facendo o que nos corresponde para conseguilo, reclamar e traballar: reclamar para poñer voz ao colectivo #ante os responsables das administracións que teñen que presionar ou actuar para cambiar o rumbo das cousas, e traballar, porque, ademais das demandas que trasladamos como organización, somos conscientes de que hai que poñer en marcha proxectos e iniciativas que contribúan a mellorar a nosa contorna, a ir alcanzando metas e a estar preparados para a transformación que estamos a vivir’.

‘Desde o sector empresarial seguimos reclamando condicións e medidas que aposten polo fortalecemento da nosa economía: máis investimento, redución de impostos, unha burocracia máis áxil, transparencia na chegada dos Fondos Europeos, políticas de emprego enfocadas nunha formación acorde aos parámetros que dita o mercado laboral actual, unha reinvención profunda da nosa industria e o noso modelo económico coa vista posta nas condicións dun futuro que xa é presente, e no que o peso específico repártenllo xa a tecnoloxía e a automatización, e unha cada vez maior e indiscutible implicación da ecoloxía e a contorna, a economía social e circular e a sustentabilidade’.

 

 

Clausura do presidente da Xunta

O peche da asemblea correu a cargo de Alfonso Rueda, presidente da Xunta, que clausurou o acto ante a presenza de autoridades de ámbito local e autonómico como o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación Francisco Conde; a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade Mª Jesús Lorenzana, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o tendo alcalde Armando Follea, a vicerreitora do campus de Ourense Elena Rivo, os presidentes das confederacións empresariais de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, e Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros; os directivos de Abanca José Manuel Nogueira, Rubén Saavedra e Liño Comeseña; o xerente de Expourense Rogelio Martínez e a decana e vicedecano do Colexio de Economistas de Ourense, Carmen Sampayo e Julio Vila.

Marisol Novoa lembrou ante Rueda a longa traxectoria de colaboración entre a CEO e o goberno galego desde hai décadas a través de distintos proxectos e a súa necesaria continuación xa que ‘a cooperación é a base para o desenvolvemento e hoxe máis que nunca”.

Ao longo da súa intervención, Rueda lembrou que o obxectivo final desta asemblea é “unir, estabilizar e saír máis fortalecidos”. Seguindo esta liña, incidiu na importancia da unión entre institucións públicas e privadas e estreitar a colaboración da administración e a economía nun momento económico complexo.

O titular do goberno galego afirmou que un deses primeiros retos que esixen estabilidade está relacionada coa crecente inflación de dous díxitos que merma ingresos e carcome aforros. Nesta liña, Galicia segue a ser a segunda comunidade autónoma con menos endebedamento per cápita de toda España.

Durante o seu discurso, Alfonso Rueda lembrou o “papel protagonista” que xoga Ourense no progreso económico. A provincia alberga empresas punteiras no sector agroalimentario e da lousa, o turismo ou o termalismo ourensán que concentra o maior potencial de España. Con 66 municipios, Ourense é a provincia con máis Concellos Emprendedores, case a metade do total de Galicia (152).

Artigos relacionados

Back to top button