
O Bloque Nacionalista Galego de Valdeorras vén de renovar o seu máximo órgano de dirección comarcal dentro do proceso aberto pola XVIII Asemblea Nacional da organización.
Para iso o conxunto da militancia de Valdeorras foi convocada a unha Asemblea Comarcal na que só se presentou unha única candidatura liderada polo rués Roberto Quiroga López. Ao seu carón, e como novo vicerresponsable comarcal, sitúase Manuel Agra (portavoz municipal do BNG no Concello do Barco de Valdeorras). Completan a dirección comarcal Antón Rodríguez Prieto, de Vilamartín de Valdeorras, como responsable de Organización; María González Albert, da Rúa, como responsable de Finanzas e Sofía Trincado Blanco que será a nova responsable de Igualdade.
“A candidatura foi eixida por unanimidade da militancia presente na Asemblea e a esta lista de membros elixidos directamente sumaranse nos próximos días, como vogais Noa Fernández Gomez (concelleira no Barco), Javier Rocha Rivera (concelleiro no Barco), Avelino Fernández Seco (concelleiro na Rúa) e Manuel Agra Sánchez (representante de Galiza Nova)”, indican dende o BNG.
Ademais, Roberto Quiroga López pasa a ser membro do Consello Nacional do BNG, órgano do que xa forma parte María González Albert, elixida dentro da lista encabezada por Ana Pontón na Asemblea Nacional celebrada en Santiago de Compostela o pasado 1 de decembro.
Así, o Consello Comarcal do BNG fíxase como liña de traballo principal o “reforzamento da organización na comarca, ampliando a base social e militante e sitúa o seu horizonte no traballo cara a mellora da posición institucional do BNG nos concellos da Comarca de Valdeorras nas próximas eleccións municipais de 2027”.