ConcellosÚltima horaXinzo de Limia

A CHMS conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente en Xinzo cos alumnos do CEIP Rosalía de Castro

A xornada enmárcase no proxecto de educación ambiental “Gústame o meu río: ensíname a coidalo”, cuxo obxectivo é valorizar o coidado e respecto pola auga e achegar aos máis pequenos ao coñecemento dos leitos e a súa importancia para a vida

Publicidade

 

Na mañá deste venres 4 de xuño, os alumnos do CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia participaban activamente no conxunto de actividades programadas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) para conmemorar o Dia Mundial do Medio Ambiente.

A xornada comezaba trala camiñada dos pequenos desde o colexio, acompañados polos seus profesores, ata as instalacións da ETAP de Xinzo, nas que, a través dunha charla moi didáctica realizada por persoal de Viaqua, comprobaron de primeira man o necesario que é coidar dos ríos para ter auga potable de calidade e cales son os tratamentos aos que a auga se somete para lograr potabilizarla. De seguidom, os escolares encamiñáronse cara ao río Faramontaos, onde a CHMS explicoulles a importancia de coidar o medio ambiente e que sempre é bo momento para reimaxinar, recuperar e restaurar o danado. “As vosas accións son moi importantes xa que formades parte dunha nova xeración que aprende a valorizar a riqueza natural da contorna no que viven e a necesidade de conservala”, en palabras do presidente da CHMS José Antonio Quiroga, prsente no acto xunto á alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama.

 

Asistentes ao acto polo Día do Medio Ambiente en Xinzo./ Foto: CHMS.

 

Esta é a terceira saída ao río dos cativos dentro do proxecto “Gústame o meu río: ensíname a coidalo”, para comprobar o estado do mesmo en canto a presencia de macroinvertebrados acuáticos, bosque de ribeira, vertebrados asociados ao río, a estado da auga, temperatura, ph, etc; ademais procedeuse á colocación dunha caixa niño para aves co obxectivo de responsabilizar aos pequenos do seu coidado, protección e vixilancia nas súas visitas a este leito. Como recoñecemento a cada un dos alumnos na implicación e compromiso adquirido, foron obsequiados cun carné de “experto coidador do río”.

Tal como explicou o presidente da Confederación, “o obxectivo destas actividades de educación ambiental é aproximar aos escolares ao río e ao medio natural que os rodea a través de actividades que promovan o contacto coa contorna natural e fomenten actitudes respectuosas no consumo de auga, tentando que eses coñecementos non queden na escola, senón que formen parte das rutinas habituais nos ámbitos familiar e social”, engadindo que “é necesario que os máis pequenos comprendan que a auga e os ecosistemas fluviais son limitados e que temos que asumir a responsabilidade e o papel do ser humano na conservación dos mesmos, valorando a auga como factor crave no sustento dos ecosistemas naturais”, concluía Quiroga.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button