A un total de 50.000 euros ascende a multa que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) vén de impoñerlle á Adif por tirar dous vagóns descarrilados á beira do río Sil o pasado 2 de agosto en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras). Así o vén de anunciar o organismo de conca, tras resolver o expediente. Ademais a CHMS informa de que Adif dispón de prazo para recurrir esta sanción.
Hai xustamente cinco días o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, visitaba Sobradelo para supervisar os traballos de retirada dos vagóns. Tras esta fase, que finalizaba ese mesmo 10 de agosto, agora Adif acomete outra destinada á restauración e rehabilitación medioambiental da zona.
A sanción da CHMS a Adif súmase á anunciada hai uns días en Valdeorras pola conselleira en funcións de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. En concreto, trátase dunha sanción de carácter grave de 35.000 euros.