En portadaSanidadeÚltima horaVídeos

A cidadanía do oriente ourensán pide na rúa “a recuperación dos servizos sanitarios perdidos”

Milleiros de persoas das comarcas de Valdeorras, Terra de Trives e Viana do Bolo sumábanse á manifestación que percorría O Barco este mediodía

 

“Nós, xentes da Galicia rural, cidadáns de primeira, esiximos a inmediata recuperación dos perdidos servizos sanitarios que posuía o Hospital Público de Valdeorras, e dos cadros de persoal de atención primaria, así como as melloras dos centros e materiais de traballo tanto de primaria como de hospitalaria”. Era a petición unánime da multitudinaria manifestación en defensa do Distrito Sanitario de Valdeorras, convocada Xunta de Persoal deste centro, que partía da Casa Grande de Viloira ás 12h. para iniciar un longo e vibrante percorrido, salpicado de consignas en defensa da sanidade pública como “non queremos listas, queremos especialistas” ou “con esta directiva a sanidade vai á deriva”, ata o hospital barquense.

Arredor das 13:15h. a cabeceira da manifestación chegaba ao centro sanitario. Unha vez alí, xunto a porta principal, procedíase a dar lectura a un manifesto por parte da veciña do Barco María Luz Moldes, no que se aludía á situación actual da sanidade desta parte da provincia de Ourense, lembrando os dereitos dos cidadáns (recollidos na Consitutición) a ter “uns coidados e asistencia preventiva, curativa, rehabilitadora, paliativa e terminal. Esa asistencia ten que ser real e de proximidade, non vale dicir que temos de todo a 120 ou a 230 km, e non botar tres anos de espera”, a “a atención sanitaria ten que ser próxima e rápida”.

 

 

Así mesmo facía unha descrición das características do Distrito Sanitario de Valdeorras e da súa situación sanitaria. “Está formado por varios concellos, que por orde de poboación son: O Barco, A Rúa, Viana do Bolo, Trives, Vilamartín de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras, Rubía, A Veiga, O Bolo, Manzaneda, Petín, San Xoán de Río, Vilariño de Conso e Larouco. Destes concellos, Vilariño de Conso e San Xoán de Río pertencen oficialmente aos distritos de Verín e Ourense mais son zonas ligadas tamén á asistencia no HPV. Este distrito ten unha poboación aproximada de 32000 persoas espalladas por 1685 km2. Todos estes concellos teñen o seu respectivo centro de saúde, e todos xuntos tiñamos vai uns anos un pequeno pero eficaz e resolutivo Hospital Comarcal de referencia, situado no concello do Barco de Valdeorras, mais hoxe aquel resolutivo hospital fica desmantelado”.

 

 

O texto do manifesto comparaba os servizos do hospital valdeorrés hai dez anos cos actuais. “Hoxe, a situación dos servizos clínicos asistenciais no noso hospital é desastrosa, como exemplo sirvan servizos clínicos que antes tiñan 4 profesionais como cirurxía xeral que hoxe fican reducidos a 1; ou servizos como traumatoloxía que de 3 facultativos fica con so 1, ou os de uroloxía e cardioloxía que tiñan praza orzamentada no HPV e fican sen nada. Os servizos de dermatoloxía, de medicina preventiva ou de admisións fican desaparecidos. O servizo de rehabilitación tamén esta sen facultativos de seu. O servizo de xinecoloxía e obstetricia tampouco está completo. O Servizo de radioloxía reduciuse a 2 profesionais. As probas de aparello dixestivo: colonoscopias e gastroscopias, así como boa parte das gardas de especialistas dependen de que envíen profesionais dende outros hospitais. As gardas de radioloxía fanse en grande medida a distancia. O servizo de Medicina interna, o alicerce mais sólido do HPV, ficará reducido á metade do seu cadro de persoal en cuestión de poucos meses. E así un servizo tras outro, un día tras outro. E mentres tanto as nosas listas de agarda eternízanse, e as nosas enfermidades agrávanse, e a xente morre”.

 

 

“Esiximos o recoñecemento da nosa situación periférica”

Con relación aos centros de saúde, no manifesto sinalábase que “está a reducírselles a súa dotación de profesionais como sucedeu en Rubía, A Veiga ou O Bolo, sen importar a dispersión xeográfica ou a idade da poboación ou a cronicidade e pluripatoloxía”.

Ante isto, os manifestantes plantexaban unha serie de demandas cun obxectivo central: “a recuperación dos servizos perdidos”. En concreto, esixíase “ter servizos para tratar as enfermidades de que enfermamos, e polo tanto a creación dun servizo de neumoloxía no Hospital de Valdeorras. Esiximos o recoñecemento da nosa situación periférica e a creación no Distrito Sanitario de Valdeorras dunha base do 061 con ambulancia asistencial de soporte vital avanzado, encadrada dentro da Rede de Transporte Sanitario Urxente de Galicia, que poida atender accidentes e trasladar feridos graves e evitar situacións como as vividas no pasado verán, (e de paso arranxar a situación das enfermeiras/os de traslados) coa falla de médicos para os traslados urxentes”.

Así mesmo, os manifestantes esixían a “formación e convocatoria do Consello de Saúde de distrito no Distrito Sanitario de Valdeorras, para nós debater sobre as nosas necesidades cos xestores sanitarios. Pedimos dignidade e ética, para que as direccións e xefaturas que non se vexan capaces ou non se atrevan a defender o noso Distrito diante dos seus xefes en Compostela ou Ourense, dimitan e deixen paso a direccións non colaboracionistas”.

 

 

O manifesto concluía cunha chamada a continuar nesta demanda de servizos e cun agradecemento. “Compañeiros e compañeiras, loitade polo vosa sanidade, exixide a recuperación dos perdidos servizos sanitarios do noso distrito, exixide sen medo, con voz alta e clara: é o voso dereito, vaivos a saúde en xogo. Grazas por vir, e ánimo que entre todos ímolo conseguir”.

Malia á numerosa asistencia, ao longo da manifestación gardábanse as medidas sanitarias e as distancias. Entre os presentes había representantes de diferentes forzas políticas, algúns municipais, como alcaldes e concelleiros de diferentes formacións do oriente ourensán, así como deputados provinciais do partido socialista, entre eles Aurentino Alonso e Rafael R. Villarino, e deputados galegos como a socialista María Ortega, ou do BNG como María G. Albert, Noa Presas e Iago Tabarés.

Ao termo da manifestación, Víctor Pariente, en representación da Xunta de Persoal agradecía a multitudinaria asistencia, pero anunciaba que “probablemente teremos que volver, unha vez máis, un ano máis, goberne quen goberne, defenderemos unha sanidade digna para o oriente ourensán. Moitas grazas”.

O percorrido da marcha, dende Viloira ata o hospital seguindo a estrada xeral da vila, foi controlado en todo momento pola Policía Local e tamén se contaba co apoio da Garda Civil.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella, agás as tres últimas fotos da galería, que son cedidas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button