En portadaÚltima hora

A “Cidade da Selva” de Casaio comeza a desvelar os seus segredos

Os investigadores do proxecto Sputnik Labrego remataban o 30 de xullo a primeira escavación arqueolóxica que se realiza neste enclave central da guerrilla antifranquista
Sola dun zapato de guerrileiro, atopada na escavación dun dos chozos das Morteiras.

Con numerosos e sorprendentes resultados vén de rematar o 30 de xullo a escavación arqueolóxica que ao longo de máis dunha semana realizaban os investigadores do proxecto Sputnik Labrego na Cidade da Selva, campamento da guerrilla antifranquista nos montes de Casaio (Carballeda de Valdeorras).

Os traballos arqueolóxicos comezaban nun dos asentamentos situados no Val das Morteiras, onde se escavaban dous chozos. Despois, o equipo trasladábase ata O Teixadal, onde se escavaba outro chozo. “Os resultados teñen sido máis que sorprendentes. O feito de que durante un ataque da Garda Civil en xullo de 1946 se queimaran os chozos de Morteiras permitiu a conservación arqueolóxica dun material que nos proporcionará moita información”, tal e como sinalan os directores do proxecto, o arqueólogo Carlos Tejerizo e o historiador Alejandro Rodríguez.

 

Un dos chozos escavados nesta primeira campaña arqueolóxica na Cidade da Selva, en Casaio (Carballeda de Valdeorras).

 

Entre o material recuperado figuran balas de pistola, casquillos de fusil, osos dos animais que comían os fuxidos, botes de cremas de man, botellas de licor e ata restos de solas de zapato. “Permitirannos entender mellor aspectos como o día a día da guerrilla, o papel da muller ou a relación coas comunidades locais do entorno”, sinalan os investigadores.

A partir de agora o equipo procesará e analizará con detalle este material, cuxos resultados serán presentados en diversos congresos de ámbito nacional e internacional. “O noso propósito, en caso de que a administración dea o visto bo, é utilizar estes materiais nunha aula arqueolóxica na que se expoñan tamén os resultados das nosas investigacións”, aseguran os responsables do proxecto. Tras estes bos resultados, a súa intención é continuar coas excavacións en próximas campañas.

Fotos: Proxecto Sputnik Labrego.

Artigos relacionados

Back to top button