OurenseÚltima hora

A CIG alerta do “tsunami de ERTEs” na provincia de Ourense

A día de hoxe tíñanse presentado un total de 1.715 solicitudes de ERTEs, que afectan a 6.523 traballadores, segundo este sindicato

 

Na provincia de Ourense e no resto de Galicia “continúa o tsunami de ERTEs”, aseguran dende a Confederación Intersindical Galega (CIG). “A día de hoxe tíñanse presentado un total de 1.715 solicitudes de ERTEs, que afectan a 6.523 traballadores. Con todo, isto non é máis que a punta do iceberg, dado que son centos as empresas, de todos os tamaños, que nos están comunicando o peche por forza maior ou o período de consultas para un ERTE por causas económicas”, indica o secretario comarcal da CIG Ourense, Anxo Pérez Carballo.

Outras empresas, “como a inmensa maioría do sector da lousa, pretende mandar para casa aos seus traballadores, pero a conta das súas propias vacacións. Tamén está a modalidade de empresas que saltándose todo tipo de norma, comunícalle ao seu persoal, individualmente, a suspensión temporal da relación laboral, sen abono de salarios nin indemnización, coa promesa de volver chamalos ao reinicio da actividade. Neste caso o traballador non tería nin dereito a prestación por desemprego que si ten nunha situación de ERTE”, asegura Pérez Carballo.

Ademais o secretario comarcal da CIG Ourense considera que “estamos vendo a peor e máis miserable cara de moitas empresas”, pero “tamén temos que recoñecer prácticas responsábeis, serias e éticas doutras moitas empresas que cumpren a norma e respectan os nosos dereitos como traballadores. Desde a CIG estamos denunciando todas as situacións irregulares e de abuso que detectamos, e animamos aos traballadores a que as fagan aflorar”.

Artigos relacionados

Back to top button