
O cómic galego Miquits cruza fronteiras. As dúas primeiras aventuras de Miquits, protagonizado por un gato intrépido e moi ourensán, creado por dous autores da Limia e publicado por Antela Editorial, dan o salto ao mercado internacional coa súa tradución ao ruso da man da editorial Clever, unha das máis recoñecidas do panorama infantil e xuvenil en Rusia. Asinando recentemente unha próxima tradución ao inglés para o mercado de EEUU.
Este paso segue o ronsel doutras obras da editorial xa traducidas ao castelán, portugués e francés, sumando máis dunha decena de títulos publicados en linguas distintas do galego nos últimos anos.
Esta tradución e publicación supón un novo avance na proxección exterior da literatura galega e confirma o bo momento que vive o sector. A editorial Antela, con sede no rural ourensán, en Vilar de Barrio, aposta desde os seus inicios polo talento local, a lingua galega e as historias que nacen da nosa terra. A publicación en ruso dos dous libros de Miquits é unha mostra clara de que a cultura galega non entende de límites: é diversa, viva e sen fronteiras.

“Miquits é moito máis que un cómic infantil: é unha viaxe chea de humor, amizade e misterio, narrado cun estilo áxil e visualmente moi atractivo. O seu protagonista, un gato curioso, valente e cheo de personalidade, conquistou a lectores e lectoras galegas desde a súa primeira aparición. Agora chega ao público ruso mantendo intacta a súa esencia”, destacan dende a editorial.
Así mesmo inciden en que “historias como Miquits, creadas desde Ourense con compromiso cultural e coidado editorial, demostran que o rural galego tamén pode marcar tendencia no mundo do libro. Vivimos un momento ilusionante para a literatura galega, con novas voces, editoriais comprometidas e unha crecente proxección internacional”.
Fotos cedidas.