EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A colleita 2020 da D.O. Monterrei recibe a cualificación de “moi boa”

Membros do panel de cata de cualificación da colleita 2020 do CRDO Monterrei./ Cedida.

 

Esta mañá a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei acollía a Cata de Cualificación da Colleita 2020. Nela participaban representantes de asociacións profesionais e do panel oficial da denominación, que cualificaron como “moi boa” a anada 2020 dos viños de Monterrei.

En concreto o panel de cata destacaba que “en brancos gáñase complexidade con respecto aos últimos anos, cada colleita percíbese unha maior representación da paisaxe e da identidade de Monterrei; mentres que en tintos, a froita segue sendo o perfil máis característico, cunha boca equilibrada e sedosa”.

Co fin de valorar a presente colleita, unha representación proporcional de viños da denominación someteuse ao xuízo do panel. Estas mostras foron analizadas por cada un dos catadores, que realizaron unha valoración “a cegas” de todas elas, mantendo desta forma criterios de obxectividade ao tratarse de mostras anónimas.

A nota final resultaba do cálculo da media das puntuacións concedidas por cada catador a cada unha das mostras, incluíndo neste cálculo tanto as referencias de brancos como de tintos. Finalmente, esta puntuación trasladouse a unha táboa de correspondencias onde se obtén a cualificación de colleita.

O panel de cata, que foi recibido pola presidenta do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Lara Da Silva, estivo formado polos seguintes expertos:

– Alejandro Paadín (Vicepresidente da Asociación de Catadoras de Galicia “ Gallaecia”).
– Begoña Gómez (Panel Oficial do CRDO Monterrei).
– José Ramón Domínguez (director de revísta “Cepas e Viños”).
– Fernando Cabero (Panel Oficial do CRDO Monterrei).
– Patricia Presas (Vicepresidenta de Asociación de Enólogoes/Enólogos de Galicia).
– Vania González (Panel Oficial do CRDO Monterrei).
– Rebeca André (Panel Oficial do CRDO Monterrei).

Artigos relacionados

Back to top button