EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A colleita 2021 da D.O. Monterrei recibe a cualificación de “moi boa”

O panel de cata coa presidenta da D.O. Monterrei./ Cedida.

 

Esta mañá, a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei acollía a Cata de Cualificación da Colleita 2021. Nesta cata participaban representantes de asociacións profesionais e do panel oficial da denominación, que cualificaron como “moi boa” a anada 2021 dos viños de Monterrei.

Co obxecto de valorar a presente colleita, unha representación proporcional de viños da denominación someteuse ao xuízo do panel. Estas mostras foron analizadas por cada un dos catadores, que realizaron unha valoración “a cegas” de todas elas, mantendo desta forma criterios de obxectividade ao tratarse de mostras anónimas. A nota final resultaba do cálculo da media das puntuacións concedidas por cada catador a cada unha das mostras, incluíndo neste cálculo tanto as referencias de brancos como de tintos.

Finalmente, esta puntuación trasladouse a unha táboa de correspondencias onde se obtén a cualificación de colleita. O panel de cata destacaba que “en brancos, as condicións climáticas da anada aceleraron unha vendima que dotou de maior frescura aos viños e dunha complexidade aromática que vai máis aló da froita, con moita flor, recordos vexetais e mineralidade en boca. Respecto aos tintos, domina a froita en nariz e na boca mantense unha racialidade, que nos lembra que estamos nunha zona de transición oceánica, sendo viños para gozar hoxe e que tamén esperamos probar dentro duns anos en perfecto estado”.

Este panel de cata, que foi recibido pola presidenta do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Lara Da Silva, estivo formado polos seguintes expertos:
– Alejandro Paadín (membro da FIJET – Fédération Internationale deas Journalistes et Ecrivains du Tourisme-).
– Erika Barbosa (catadora do Corte Inglés).
– Isaac César González (Panel Oficial do C. R.D.O. Monterrei).
– Javier Facal (secretario xeral da Asociación de Catadoras de Galicia Gallaecia).
– Maira Rato (membro da Asociación de Enólogas/Enólogos de Galicia).
– Rebeca André (Panel Oficial do C. R.D.O. Monterrei).
– Vania González (Panel Oficial do C. R.D.O. Monterrei).

Artigos relacionados

Back to top button