ConcellosQuirogaÚltima hora

A Confraría do Viño de Quiroga desfila pola rúa principal da vila

Este acto forma parte dos prolegómenos da Feira do Viño de Quiroga dende o 2012,

 

A Confraría do Viño de Quiroga participa un ano máis nos actos da Feira do Viño. Ademais de estar presentes nos actos de inauguración da feira o día 24, os membros desta Confraría desfilaban como é tradicional pola rúa Real neste sábado 17 de xullo. Este mediodía os confrades, ataviados co seu traxe de gala (capa e sombreiro), percorrían a travesía principal da vila quiroguesa, dende a Casa Consistorial ata o Auditorio Municipal.

Este solemne acto forma parte dos prolegómenos da Feira do Viño de Quiroga dende o 2012, ano no que se fundou esta congregación, que conta dende entón con 23 membros. O seu número de integrantes é invariable, soamente se renovan cando queda algunha vacante, como ocorreu no ano 2019 cando entrou a formar parte desta institución a primeira muller confrade.

O que este ano non realizou esta irmandade foi a cata dos viños participantes na feira. O presidente da Confraría, José Manuel Rodríguez, non considera que nesta edición fose necesario, “posto que as adegas que participarán son todas adegas industriais”. O cometido dos confrades na cata dos viños era detectar calquera problema de cor, sabor ou olor que puidesen presentar as mostras dos viños artesanais que estaban inscritos para a feira, que previamente xa pasaran análises nun laboratorio.

Como remate do desfile, xa a porta pechada, os membros do gremio realizaron unha xunta xeral anual na que este ano, segundo o seu presidente, había moitos puntos a tratar posto que o pasado ano, por mor da pandemia, non se celebrou. O estado de contas e a convocatoria de eleccións para renovar a xunta directiva foron algúns dos puntos que se puxeron riba da mesa.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button