DeportesÚltima horaVídeos

A Copa de España DHI Pozo do Demo 2024 celebrarase en Cabreiroá (Verín) os días 27 e 28 de abril

O II Trofeo Federación DHI Cabreiroá está organizado por Bicicletas Chinquena Racing Team do que forma parte o rider rues Javier Fernández "Zape"

 

O Club Deportivo Bicicletas Chinquena Racing Team, do que forma parte o rider rues Javier Fernández Quiroga “Zape” organiza, co patrocinio do Concello de Verín, a segunda edición do Trofeo Federación DHI Cabreiroá. Máis de 200 riders daranse cita os días 27 e 28 de abril no monte Montemaior en Cabreiroá, poñendo a proba as suas habilidades e servindo de escaparate para o que por moitos xa é considerado un dos mellores circuítos de España. Devandito evento conta tamén co apoio da Real Federación Española de Ciclismo, Federación Galega de Ciclismo e Xunta de Galicia.

O evento era presentado na mañá deste luns 22 de abril por Manuel Sanmamed, membro da directiva do Club Deportivo Bicicletas Chinquena Racing e responsable de Seguridade do circuíto; e contou coa presenza de Diego Lourenzo, tenente de alcalde e concelleiro da área de Deportes; Julio Viéitez, concelleiro de Servizos Públicos; e Manuel Pérez, delegado provincial de Deportes da Xunta de Galicia.

“En nome do Concello de Verín”, salientou Diego Lourenzo, “quero expresar o meu máis sincero agradecemento aos organizadores desta proba que, coa súa dedicación e esforzo, fixeron posible un evento deportivo de primeiro nivel que enriquece a nosa comunidade e promove un estilo de vida saudable”. Na súa intervención, o concelleiro de Deportes quixo destacar especialmente o valor da internacionalización desta competición “que pon a Verín no mapa, posicionándoo como un destino de referencia para eventos deportivos de alto nivel”.

 

 

A competición, a única en España que ten carácterer internacional na súa categoría (UCI-C2), está rexida pola normativa nacional e disputarase os días 27 e 28 de abril no circuíto de descenso de Cabreiroá, que ten unha lonxitude de 1,78 km e un desnivel de 340 metros. Cabe destacar tamén que esta proba é a única do calendario nacional que outorga puntos para a Copa do Mundo. “Este carácter internacional da mesma atraerá a Vila do Tamega corredores de todas as partes do mundo”, salientaron desde a organización.

Para participar é necesario contar coa licenza federativa de competición, e o prazo de inscrición (40 euros) estará aberto ata maña 23 de abril a través da plataforma web da Federación Galega de Ciclismo. As categorías da proba son: Elite UCI, Sub 23, Junior, Cadete, Infantil, Master 30, 40, 50 e 60, tanto para homes como para mulleres.

Máis información e detalles do recorrido do circuíto e das normas de seguridade, entre outros aspectos, están dispoñibles na web da Federación Galega de Ciclismo.

Artigos relacionados

Back to top button