DeportesPiraguismoÚltima hora

A Copa España clásica e sprint e o nacional de patrullas clásica reunirá no río Sil a padexeiros de 18 clubs

Esta triple competición española, que tamén forma parte da liga galega, estreará nesta edición percorridos xa que se desenvolverá entre o Malecón do Barco e o campo de fútbol de Arcos (Vilamartín)

 

Novamente as augas do río Sil acollerán en maio unha triple cita nacional de descenso de augas bravas, que ademais será campionato galego. Así, na fin de semana do 11 e 12 de maio as augas do río Sil serán escenario dunha Copa de España nas modalidades clásica e sprint individual (a segunda do calendario da liga española tras a de Lleida), así como do Campionato de España de patrullas clásica. A cita, que será clasificatoria para o mundial nas probas individuais, prevé reunir a uns 140 padexeiros de 18 clubs españois (de Galicia, Asturias, Castela e León, Cataluña e Baleares).

A novidade desta edición será o cambio no percorrido, que se desenvolverá en tramos do río Sil do Barco e de Vilamatín, tal e como adiantaban os promotores da proba, o Fluvial Barco e a Federación Galega de Piragüismo, nunha rolda de prensa celebrada este mediodía e na que estaban acompañados pola deputada delegada especial para Valdeorras da Deputación de Ourense, María Carmen González; do concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso; e do xefe territorial de Deportes en Ourense, Manuel Pérez.

O programa da competición iniciarase o sábado 11 de maio ás 15h. coa Copa de España sprint (velocidade) individual, cuxo percorrido, duns 300 m, situarase nas proximidades da pasarela do Salgueiral.

 

 

Xa o domingo ás 10h. darase paso á Copa clásica (de resistencia) individual ás 10h. e ás 11:30h. disputarase o Campionato de España de patrullas clásica. En ambos casos a saída darase á altura das piscinas descubertas do Barco e a meta fixarase no antigo campo de fútbol de Arcos (Vilamartín de Valdeorras).

Na presentación o Fluvial Barco adiantaba que o club estará representado por 15 piragüistas e destacaba que a proba está patrocinada por Iberdrola. Ademais, a deputada provincial María Carmen González felicitaba aos organizadores por este evento deportivo, que dinamiza o río Sil, pero tamén lles pedía a súa implicación para que este tipo de iniciativas tivesen máis repercusión socioeconómica na comarca. Pola súa banda, Manuel Pérez destacaba a traxectoria do Club Fluvial Barco, de xeito especial na disciplina de augas bravas, e os seus logros a nivel organizativo e de resultados deportivos.

Nese mesmo senso, o concelleiro barquense Aurentino Alonso, salientaba que o club “ten presente, pero tamén moito futuro, porque xa hai promesas moi interesantes nel e que lle van dar continuidade a isto”.

Artigos relacionados

Back to top button