
O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) convocaba a iniciativa “Nova Arquitectura Galega 2024”, unha proposta colexial símbolo dunha nova xeración que está chamada a definir os trazos da arquitectura galega do futuro. Un xurado seleccionou 30 proxectos arquitectónicos e nomes de arquitectas e arquitectos, menores de corenta anos, que formulan modos de traballo abertos e transversais, xunto con temas máis pegados, polo xeral, á escala do pequeno e diverso, como corresponde aos inicios dunha carreira profesional, onde todo é posible e está aínda por definir. “Son proxectos de hoxe con perspectiva de mañá, que atenden ao sostible, ao social, á escala e ao respecto pola xeografía, mostrando unha capacidade crítica e respectuosa co contexto” –explica o decano do COAG, Luciano Alfaya–.
Entre eles figura un proxecto que propón un “gran parque aluvial/fluvial no río Sil ao seu paso polo Barco de Valdeorras, mediante técnicas baseadas na natureza, a bioconstrucción e a xestión forestal”. Presentábao o arquitecto Denis Wanders Rodríguez e nel tamén participan os técnicos Giovanna Bartoleschi (paisaxista) e David García (biólogo).
“O presente proxecto ten coma finalidade poñer o foco nas actuacións que farán posible mellorar as marxes do río Sil aoseu paso polo concello do Barco de Valdeorras, tanto en términos ecolóxicos, paisaxísticos e urbanísticos, coma en prevención contra as inundacións.A principal actuación céntrase no Parque do Salgueiral, localizada na marxe esquerda, cunha extensión duns 100.000 m2”, explica o arquitecto. A proposta céntrase “na mellora da resiliencia do lugar fronte ás perturbacións, grazas á comprensión e control da hidromorfoloxía e o aumento da biodiversidade”.
Coma actuación complementaria proponse “o alongamento do parque na marxe sur do Sil, nuns 47.000 m2 adicionais, habilitando un novo paso no Regueiro de Mourelas ata culminar a conexión co Malecón do Campiño, pasando polo estribo sur da caída ponte de San Fernando, en 2009 restaurado coma mirador. Para minimizar a chegada de augas con excesos de nutrientes ó río proponse, ademais, a habilitación dunha canle de fito-depuración, con especies vexetais hidrófitas, ó longo do límite entre as hortas existentes e o parque”, segundo a proposta.
Finalmente, proponse conectar as dúas beiras do Sil entre o final da Praia do Ouro e o Polígono da Raña mediante unha pasarela peonil “para así pechar o recorrido que acabaría conformando o gran parque fluvial do Barco de Valdeorras, dando alternativas á poboación de mobilidade sostible. Coma valor engadido, proponse que o sistema construtivo para levar a cabo as obras necesarias para estabilización de marxes e dotar de programa o parque fluvial estea baseado na súa práctica totalidade en elementos naturais: pedra, terra, e vexetación. Conviría estudar a posibilidade de que os residuos de lousa que actualmente se descartan para a elaboración de produtos de exfoliación por conter bregadas na súa formación, sexan válidos para a súa colocación en pavimentos drenantes ou estabilizacións de marxes mediante técnicas de bioconstrución”, citando ao arquitecto.
Ademais nesta escolma hai outros dous proxectos da provincia de Ourense: un Centro de Saúde do Concello de Muíños e o 1º Premio do Concurso termal no Concello de Bande.
Os proxectos
Os proxectos e propostas elixidos pola COAG tamén se emprazan fóra de Galicia, expandindo a categoría do traballo destes autores nos ámbitos sociais, xeográficos e culturais contemporáneos, amosando, segundo sinala o Colexio, “a capacidade de responder desde a nosa bagaxe local con solucións adaptadas a outros ámbitos”.
Fronte á actualidade internacional que tende á homoxeneización das formas, o xurado desta nova xeración galega destaca a lectura preocupada desta selección polo “bo facer construtivo, pola atención ao detalle e pola perseveranza reflexiva no tectónico”, mesmo nos proxectos aínda non construídos. O COAG considera que este aspecto é algo pouco habitual noutros contextos e leva a enlazar a súa actitude coa tradición propia de Galicia recente e pasada.
Finalmente, a selección destes 30 traballos e nomes representa unha nova escolma cara o futuro que quere servir de apoio a unha xeración aínda nova, pero xa establecida e recoñecida. Desde a entidade colexial aclaran que se trata dunha xeración que sufriu os embates económicos das dúas últimas décadas, que soubo afrontalos desde a profesionalidade e a capacidade adaptativa, e está chamada a tomar o relevo e ser a substitución de figuras ben recoñecidas das últimas décadas do século XX.
A pluralidade das obras seleccionadas non só abre a oportunidade de exercer a arquitectura de moitas maneiras, se non que tamén inclúe obras que se sitúan fora de Galicia, ou accións efémeras e de investigación. Ao igual que está a ocorrer con todo o colectivo, a presenza de mulleres é cada vez maior. Neste caso nove dos estudios seleccionados están dirixidos por unha muller, mentres que outros oito son mixtos, o que reflicte os notables avanzados conseguidos neste eido.