En portadaÚltima hora

A D.O. Valdeorras contará cunha app e xa prepara a feira do viño, prevista para o 13 e o 14 de xullo

Así se acordaba na sesión plenaria que celebraba o seu consello regulador este luns 10 de xuño
Público na anterior edición da Feira do Viño de Valdeorras en Viloira (O Barco)./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Mantendo a liña de anteriores edicións, a XXII Feira do Viño de Valdeorras celebrarase na fin de semana do 13 e 14 de xullo na praza de Viloira (O Barco). Así se acordaba a sesión plenaria celebrada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras. O foro contará cunha axenda de actividades paralelas de carácter lúdico e festivo, que se definirá nas vindeiras semanas, co fin de axudar a atraer ata a comarca a numerosos visitantes. O horario de apertura das casetas, durante as dúas xornadas que dure a
feira, será de 12:30h. a 14:30h. e de 19h. a 23h.

“A feira é un dos escaparates máis sobresaíntes para os viños da zona” e resaltou que, edición tras edición, este foro se consolida e gaña máis público”, destaca o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, José Luis García Pando. Nese senso anima “a todas as adegas a estar presentes con stand propio no recinto feiral de Viloira”.

Previamente á mostra, está previsto que un par de días antes se celebre nas instalacións do Consello Regulador a XX Cata Oficial dos Viños de Valdeorras, cuxa entrega de premios suporá o colofón final á Feira do Viño.

Habilitación da aplicación mi.consejovaldeorras

Paralelamente, o pleno do CRDO Valdeorras autorizou hoxe a habilitación dun software específico, a través dunha app deseñada ad hoc baixo a denominación mi.consejovaldeorras, para canalizar todos os fluxos de comunicación que se realicen entre o organismo e as adegas que o integran.

“Trátase dun xestor de contidos cun sistema de comunicacións via enderezo electrónico e un sistema de notificacións para iOS e Android”, afirmou García Pando que permitirá xerar “un espazo privado, seguro e encriptado, con certificación específica” e que posibilitará “achegar información en tempo real” para os seus usuarios. Esta app facilitará a experimentación dun “salto cualitativo” na comunicación entre os diferentes axentes que conforman o Consello Regulador.

Artigos relacionados

Back to top button