EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Valdeorras lanza este verán 2 campañas documentais que apostan polo “valor do pequeno”

 

A Denominación de Orixe Valdeorras lanzará este verán dúas campañas documentais que buscan “amosar a esencia dun dos territorios vitivinícolas máis singulares de Galicia. Baixo unha narrativa centrada nas persoas, na paisaxe e na autenticidade, ambos proxectos pretenden achegar ao público a realidade de quen traballa cada día para elaborar viños de calidade e preservar a identidade de Valdeorras”, segundo adianta o seu consello regulador.

Con estas iniciativas, a D.O. Valdeorras “reafirma o seu compromiso por poñer en valor non só a excelencia dos seus viños, senón tamén o esforzo, a dedicación e as historias que hai detrás de cada botella. O obxectivo é ofrecer unha visión próxima e emocional do territorio, dando protagonismo tanto a proxectos consolidados como a pequenas iniciativas que contribúen a enriquecer o tecido vitivinícola da comarca”, asegura o órgano reitor.

A primeira campaña, “O meu pequeno gran terroir”, é unha serie documental centrada nos viticultores de Valdeorras e aposta polo storytelling humano. Cada capítulo amosa como detrás do viñedo existe unha forma de entender o viño, “unha relación íntima coa terra e un legado transmitido de xeración en xeración. A campaña reivindica que non existen terroirs pequenos, senón grandes historias nacidas en lugares humildes, onde o coñecemento, a paixón e o respecto polo medio converten cada viña nun patrimonio único”, indica a D.O.. O primeiro episodio está protagonizado por Bodegas O Cepado e, durante as próximas semanas, iranse estreando novos capítulos dedicados a outras adegas e viticultores da denominación.

A segunda proposta leva por título “Na procura do pequeno” e pon o foco naquelas adegas e novos viticultores que escolleron Valdeorras para desenvolver proxectos de menor dimensión, pero cunha marcada personalidade e unha visión innovadora.

“A través destes relatos, a campaña amosará como pequenos proxectos poden converterse en grandes motores de innovación, dinamización rural e conservación do patrimonio vitivinícola, demostrando que a calidade non depende do tamaño, senón da paixón e do compromiso coa orixe”, afirma o consello.

A primeira entrega de “Na procura do pequeno” estará dedicada a Viña Costeira, cuxo capítulo verá a luz durante este mes de xullo.

Ambas campañas difundiranse ao longo do verán a través das canles dixitais e redes sociais da Denominación de Orixe Valdeorras.

Estas campañas documentais dan continuidade á liña comunicativa iniciada pola D.O. Valdeorras en 2026 co proxecto “Pequenos e Xigantes”, unha iniciativa desenvolvida baixo o lema “O valor do pequeno” e concibida para poñer en valor a comarca e a súa realidade rural a través das persoas que a habitan.

Back to top button