ConcellosO BoloÚltima hora

A Deputación de Ourense aproba un suplemento de crédito de 51.000 euros para a reparación da ponte de Barxa (O Bolo)

Trátase dun proxecto no que tamén participa a Xunta a través da Axencia Galega de Infraestruturas e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, achegando cada unha delas preto de 77.000 euros

Pleno ordinario do mes de xuño da Deputación de Ourense.

 

O Pleno da Deputación de Ourense, reunido esta mañá na sesión ordinaria de xuño, aprobou unha modificación de créditos por importe de máis de 446.000 euros, dos que case o 79 % teñen como destino o financiamento de actividades culturais e recreativas. O expediente aprobado divídese nun suplemento de crédito de 406.200 euros, con cargo ao financiamento de gastos xerais previstos no remanente de tesourería, e unha transferencia de crédito de 40.000 euros entre distintas partidas do actual orzamento.

No que atinxe aos suplementos de crédito deste expediente inclúen 51.200 euros para as obras de reparación da ponte da Barxa sobre o río Xares, no concello de O Bolo. Trátase da anualidade de 2022 que lle corresponde á Deputación, nun proxecto no que tamén participa a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de infraestruturas e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, achegando cada unha delas preto de 77.000 euros.

Os feitos remóntanse á noite do 20 de decembro de 2019, hai case tres anos, cando a forte riada do río Xares que atravesa a localidade de Barxa (entre San Martiño e O Seixo) partía o piar central dunha das pontes desta aldea bolesa. A ponte segue en pé pero dada a profunda fenda quedaba cortada ao tráfico rodado. Aínda que a aldea ten outro acceso pola zona alta, é moito o rodeo que teñen que dar os veciños, tanto de O Seixo para ir ao Concello, como de Barxa e San Martiño para facer calquera xestión a vilas como A Rúa ou O Barco.

 

Estado actual da ponte de Barxa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button