
A Deputación de Ourense está a estudar as medidas a adoptar, con carácter de urxencia, para abrir de novo ao tráfico a estrada provincial OU-0807, que une Vilamartín de Valdeorras con San Vicente, logo de que na mañá de este domingo 15 de novembro colapsara un treito da vía como consecuencias das intensas choivas rexistradas na zona, que arrastraban troncos e outros restos de biomasa, así como pedras, como consecuencia dos incendios forestais do verán de 2025. Así o vén de confirmar a entidade provincial.
“A mediodía de hoxe, a Área de infraestruturas da Deputación recibiu un aviso do Concello de Vilamartín, no que se informaba de que o cauce do río Leira aumentara considerablemente, ata o punto de que a auga xa discorría por encima da calzada no quilómetro 4+100. A infraestrutura de drenaxe existente neste punto da estrada non resistiu a avalancha de auga e arrastres de entullos, o que motivou o colapso da vía”, tal e como sinala a Deputación de Ourense.

De inmediato, persoal da brigada de Vías e Obras do Barco de Valdeorras, xunto con maquinaria, trasladouse ata o lugar para adoptar as medidas necesarias e máis urxentes, “aínda que ata que deixe de chover coa intensidade das últimas horas só puido procederse ao corte do tráfico e á instalación dos avisos correspondentes”, indica a Deputación.
Unha vez que as condicións o permitan, os técnicos da Deputación avaliarán os danos rexistrados e formularán as medidas máis inmediatas a adoptar, de modo que se poidan executar obras de emerxencia para restablecer o tránsito por esta estrada, sinala esta administración.
A Deputación tamén está xa “en contacto cos servizos de emerxencia e co resto de administracións públicas implicadas para garantir a seguridade da veciñanza na zona e que poidan ver atendidas as súas necesidades a través dunha pista forestal, xa que a vía municipal do Mazo que podería servir de alternativa tamén presenta riscos”.