Era unha antiga demanda que está moi preto de facerse realidade. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinaba este 27 de decembro no Pazo Provincial un convenio de colaboración co alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández; e co director xeral territorial Zona Noroeste de Endesa, Miguel Temboury, para a cesión en propiedade da titularidade das estradas de San Agostiño, San Agostiño-Encoro das Pías por Cepedelo e a estrada Prada-Celavente, ao concello en función do termo municipal polo que discorre, así como para a reparación e acondicionamento do mesmo.
Coa sinatura deste convenio “damos cumprimento ao compromiso que adquirimos coa comisión pola estrada de San Agustín de colaborar con eles na negociación coa empresa eléctrica, titular da estrada, para resolver esta vella problemática, e lograr así a cesión da titularidade deste treito ao concello, así como a reparación e o acondicionamento do mesmo”, explicou Manuel Baltar.
Logo dun proceso de negociación “valorouse que a Deputación de Ourense non podía asumir a totalidade da titularidade desta estrada dado que os camiños non reúnen as características técnicas mínimas para prestar o servizo público viario, segundo os informes realizados polo persoal da Deputación, polo que se acordou que o concello asumira a titularidade da mesma co compromiso de que Endesa achegara o 50% do custe total das actuacións necesarias para o acondicionamento dos viais, mentres que a Deputación comprometíase a asumir o 25%, e o concello o orzamento restante”, segundo informa a Deputación de Ourense.
O alcalde de Viana do Bolo amosaba a súa satisfacción por este convenio. “Dende o Concello estamos contentos, por fin se fizo e se asinou este convenio longamente esperado. É un convenio que xa a Corporación municipal aprobou por unanimidade o pasado 3 de outubro. Sentímonos moi contentos por esta sinatura e por que este sexa o principio do fin do problema que significa a estrada de San Agostiño debido ao seu estado”. Aínda así, Secundino Fernández tamén matizaba que isto vai supor “unha carga e un esforzo económico enorme para o Concello”.
No acto de sinatura do convenio tamén estiveron presentes concelleiros das forzas políticas do PP e do PSOE, como membros, algúns deles, da comisión pola estrada de San Agostiño e propoñentes da solución adoptada. Dende o grupo socialista de Viana emitíase unha nota de prensa indicando que “isto conseguímolo” e “desexando que esta unión siga tamén manifestándose día a día para lograr mellor o noso pobo”.