SanidadeÚltima hora

A doutora Guillermina Agulla, nova directora do Distrito Sanitario de Verín

Publicidade
A doutora Guillermina Agulla./ Foto: Carlos G. Hervella.

A doutora Guillermina Agulla Budiño vén de asumir neste xoves 9 de xaneiro a dirección do Distrito Sanitario de Verín, cubrindo deste xeito o posto que Miguel Abad Vila deixaba a finais do pasado mes de decembro. O seu obxectivo, segundo adianta a Xerencia de Xestión Integrada ourensá, será “impulsar a innovación na xestión e a capacidade de adaptación do Hospital de Verín ás necesidades presentes e futuras dos usuarios e os veciños da comarca promovendo a participación social e da cidadanía, mellorando as canles de información, e potenciando o funcionamento dos consellos de saúde do distrito sanitario”.

A doutora Agulla  “porá ao servizo dos usuarios do Hospital de Verín e da súa área de influencia a súa experiencia adquirida durante tantos anos como xestora o que lle outorga un coñecemento moi próximo das necesidades dos veciños, dos pacientes e das súas familias”, segundo a EOXI.

Guillermina Agulla Budiño naceu en Pontevedra, é licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela. A súa formación académica comprétase cun máster en Xestión Sanitaria, pola Universidade de A Coruña, e título como Experta Universitaria en Admisión e Documentación Clínica pola Universidade Complutense de Madrid.

Comezou a súa dilatada traxectoria profesional en 1985 como inspectora na Dirección Provincial de Vigo do Instituto Social da Mariña e posteriormente desenvolveu varios postos de responsabilidade no Complexo Hospitalario de Pontevedra como Coordinadora de Admisión, no Servizo de Documentación Clínica e como responsable de consultas externas antes de dar o seu salto á sanidade da provincia de Ourense.

A doutora Agulla ocupou desde o ano 2006 moitos postos de responsabilidade na sanidade ourensá como médico do Servizo de Admisión, para asumir de seguido a Subdirección Médica do Complexo Hospitalario de Ourense, a Dirección do Hospital de Verín e posteriormente a do Hospital Comarcal de Valdeorras.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button