OurenseÚltima hora

A EDAR de Ourense triplicará a súa capacidade actual

Anunciábao a directora xeral da Auga que visitaba ás obras desta nova instalación o 11 de setembro
Visita da directora xeral da Auga ás obras da EDAR en Ourense.
Visita da directora xeral da Auga ás obras da EDAR en Ourense.

Coa nova Estación Depuradora de Augas (EDAR) de Ourense corrixiranse os problemas estruturais e operativos que presenta a depuradora actual da cidade, en concreto, o elevado risco de sufrir inundacións e a súa falta de capacidade. Así o sinalaba a directora xeral da Auga do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama), Liana Ardiles, na visita que realizaba na mañá do 11 de setembro ás obras desta instalación.

Nese senso, a nova EDAR de Ourense permitirá tratar as augas usadas por unha poboación de preto de 355.000 habitantes/equivalentes cumprindo as condicións de verquido que esixen as directivas europeas.”Terá capacidade para tratar un caudal medio de 72.192 metros cúbicos ao día, o triple da capacidade da actual planta. Unha auga que, unha vez tratada, devolverase ao Miño nas condicións axeitadas, o que contribuirá ao mantemento e conservación dos seus ecosistemas asociados”, segundo se informa dende o Magrama.

Este proxecto está promovido dende o Plan CRCE e conta cun orzamento de 59,3 millóns de euros, financiado polo Magrama (a través de Acuaes, con axudas do Fondo FEDER da Unión Europea), a Xunta e o Concello de Ourense. O remate da nova EDAR prevese para finais de ano e, de seguido, comezará un período de probas de tres meses que dará paso a un período de posta en marcha dun ano.

Nestes momentos, segundo informa o ministerio, tense executado o 100% das cimentacións e o 95% da obra civil dos grandes elementos “como os dixestores, o pozo de auga bruta, o tratamento primario e os reactores biolóxicos”.

Na súa visita ás obras, a directora xeral da Auga estivo acompañada polo delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; e polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, así como pola conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, e polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, entre outras autoridades.

Artigos relacionados

Back to top button