A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) daba o pistoletazo de saída oficial cun acto inaugural cheo de simbolismo e emoción. O evento celebrábase na tarde do 18 de xullo na Igrexa da Madalena, onde se fixo entrega do Premio de Honra da MIT a Roberto Pascual, quen foi director artístico da Mostra durante máis dunha década.
O acto contou coa participación do propio homenaxeado, así como do alcalde de Ribadavia, César Fernández; o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e das actuais directoras da MIT, Sabela Mendoza e Gena Baamonde. Durante o encontro, repasouse a pegada fonda que Pascual deixou tanto na MIT como na escena teatral galega e estatal, destacando a súa capacidade para artellar unha programación crítica e contemporánea, así como para consolidar a Mostra como un espazo de referencia internacional, á vez que mantiña o carácter comunitario, identitario e arraigado no espírito transformador que rexe, dende os seus inicios, á MIT.
Durante o acto, o alcalde de Ribadavia, César Fernández, puxo en valor o gran traballo desenvolto por Roberto Pascual ao longo dos 15 anos durante os que dirixiu a MIT e agradeceu o seu compromiso, profesional e vital, con Ribadavia, “un compromiso que Ribadavia agradecerá eternamente”. Así mesmo, o alcalde quixo agradecer tamén o traballo das actuais directoras, Sabela Mendoza e Gena Baamonde, que recollen ese testemuño “cunha proposta sólida, diversa e conectada co noso tempo. A MIT é cultura, é identidade, e é tamén futuro. Desde o Concello, seguiremos apostando por unha MIT que sexa espazo de encontro, reflexión e creación compartida”.
A cerimonia pechábase cun emotivo brinde na Igrexa da Madalena, símbolo de celebración e continuidade para esta nova edición da MIT.

A xornada inaugural completábase no Auditorio do Castelo, coa representación de Grandissima Illusione, de Cris Blanco. A obra arrinca cun encontro improbable: unha marquesa saída dun drama do século XVII -ben podería ser de Lope de Vega- atópase co técnico tatuado do teatro e namórase del. A partir de aí, todo se descontrola. As convencións escénicas estoupan e a narración convértese nun labirinto temporal onde os personaxes entran e saen do tempo da representación a través dun burato de verme. Polo escenario desfilan unha criada, unha xoglaresa feminista, unha axudante de dirección, un texto proxectado, un astrólogo cubano, un experto teatral, varios extras e un coro grego de tres persoas que repiten o que din e senten os demais.
Con textos de Rocío Bello e dramaturxia compartida con Anto Rodríguez, o espectáculo explora a relación disfuncional entre pasado e presente tamén a través da escenografía: un collage de elementos reciclados de grandes producións teatrais que funciona como metáfora dun tempo atrapado entre o progreso desenfreado e a urxencia de frealo. A proposta, cun marcado ton lúdico e metateatral, é ao tempo unha celebración da escena e unha chamada á reflexión sobre o que deixamos atrás… e o que estamos a repetir.
A MIT 2025 daba así comezo cunha potente mestura de recoñecemento, vangarda e comunidade, marcando o ton dunha edición que aposta pola diversidade de linguaxes e a conexión co presente e a comunidade.