
Dende a localidade italiana de Chiaravalle (Ancona), onde reside Rino seguía con atención a evolución da vaga de lumes no noroeste de España durante este verán, especialmente nas comarcas do Bierzo e Valdeorras, xa que tiña previsto neste outono iniciar o Camiño de Inverno. Por iso, malia que lle impresionou a paisaxe coa que se atopaba en zonas como As Médulas, era moi consciente do desastre social, medioambiental e económico que supuxo esta catástrofe.
Aínda así, pon en valor esta ruta xacobea a e súa importancia e fala da seguridade da mesma e do interesante da súa orografía. “Son consciente do que sucedeu este verán aquí, eu que tiña programado facer este camiño, seguin todo o acontecido. Tamén sei que moitas persoas renunciaron ao Camiño, pero eu persoalmente, vin aquilo facendo o camiño, na parte das Médulas, que a paisaxe non está morta. Seguir esta ruta non implica ningún tipo de perigo, o sendeiro está limpio e tranquilo. Ttraballaron e esforzáronse para poñelo así e está ben sinalizado. Eu penso que a paisaxe non está morta, de feito comprobei como xunto ás árbores negras está medrando a herba verde, vese pequena, co cal a vida estaba comezando outra vez”, comenta Rino que, o 1 de outubro facía parada no primeiro albergue desta ruta en Valdeorras, Bar Mar.
Coincidía alí con outra peregrina, Susana Pinto, natural do Porto (Portugal), quen se manifesta de xeito moi semellante con respecto ao Camiño de Inverno. “É impresionante a forza da natureza, porque está a paisaxe completamente queimada e con flores no medio, como ese estivese renacendo todo. Nas casas do percorrido atopamos todo pechado pero moita información para os peregrinos, tamén ás persoas que nos transmiten que resulta todo moi difícil e que queren poder volver a traballar porque esa é a súa profesión”, conta.
Ambos peregrinos falan tamén de que precisamente o Camiño de Inverno pode ser un elemento ilusionante para poder volver a impulsar e recuperar estas zonas tras a devastación do lume. “A esperanza está aí, eu penso que o Camiño de Inverno está vivo”, comenta Rino mentres Susana asente, “porque os peregrinos están volvendo rapidamente, nós somos a forza que debe prender na poboación, que nós esteamos aquí e que sigamos vindo todo o inverno, pois iso contribúe á zona, aínda que non sexamos pobo, e despois insisto en que o percorrido é moi seguro, e dígoo que xa teño unha idade”. Rino apunta tamén que ser peregrino non é algo que se faga só por un mesmo, “senón por todos nós, por todo o mundo”.

A gravidade do que pode supor un incendio forestal como os deste verán é algo que coñece moi de preto Susana Pinto, que vivíu os que devastaban o norte de Portugal hai uns anos e mesmo chegou a perder a persoas da súa casa. “É unha situación realmente moi difícil. A miña casa é un lugar con moitas árbores e no incendio as casas estaban cercadas polo lume e tivemos que subir para o primeiro piso, a axudar aos bombeiros a combater os incendios, e algunhas casas desapareceron”. Por iso comprende perfectamente os relatos que lle transmiten as persoas que se atopa nesta peregrinación.
“Para min é moi importante porque sé como se senten agora estas persoas. Unha persoa falou comigo nun bar dunha aldea que xa non é existe, é unha situación que se viviu aquí, e soamente cando se pasa por iso sábese o doloroso que é. Temos que intentar que isto de aquí un tempo, quedan marcas, para poder continuar.
Así, estes dous peregrinos expresan o seu desexo de que, pouco a pouco, estas comarcas volvan a recuperarse e que ambos poidan regresar para atoparse cunha paisaxe diferente á que descubriron nesta ocasión. “Oxalá que poidamos volver e estar coa xente de aquí como estaba antes ou mellor aínda”, conclúen xusto antes de continuar camiño rumbo a Santiago de Compostela.
Fotos: Carlos G. Hervella.