CulturaÚltima hora

A Estación de Manzaneda inicia a semana coas pistas Fontefría e Xeixo abertas, con acceso pola estrada a Cabeza Grande

A diminución de neve imposibilita o uso do telecadeira de 4 prazas, polo que estarán en funcionamento os telesquís destas dúas pistas

Imaxe cedida.

 

A Estación de Montaña de Manzaneda iniciará a semana coas dúas pistas superiores abertas, Xeixo e Fontefría. O acceso a ambas poderase realizar en coche a través da estrada de Cabeza Grande de Manzaneda, “que se atopa perfectamente accesible, e previa retirada dos fortaits nos despachos de billetes da estación, realizándose os remontes desde os telesquíes de Xeixo e Fontefría, que serán os que estean en funcionamento”, tal e como vén de informar a dirección da estación, indicando así mesmo que “a subida das temperaturas durante os últimos días provocou unha importante diminución da neve, o que obrigou a pechar pistas e, ademais, fai imposible a utilización do telecadeira de 4 prazas”.

O parte provisional de neve anuncia a apertura destas dúas pistas para mañá e o definitivo colgarase á primeira hora da mañá nas redes sociais da estación. Como xa ocorre desde o xoves pasado, debido á avaría do telecadeira principal, o fortait terá un prezo rebaixado de 15 euros.

Xunto coas pistas para a práctica do esquí, permanecerán abertos o resto de servizos como a piscina ou o spa, ademais dos restaurantes. O horario manterase de 9:30h. a 17:15 horas, aínda que o alugueiro dos equipos poderá facerse desde as 8:30 horas.

Para aqueles que desexan gozar da Estación de Montaña Manzaneda e pernoitar nas instalacións ofrécense 34 apartamentos con baño e cociña completa que se distribúen da seguinte forma: 10 apartamentos con cama de matrimonio con posibilidade de supletoria; 18 apartamentos de 4 prazas e posibilidade dunha máis con supletoria e 6 apartamentos con 7 prazas e posibilidade de 1 máis con supletoria. Tamén está dispoñible o Albergue Bibei, con 88 prazas distribuídas en habitacións de 18, 16, 10 e 2 para coidadores. Tamén o alberge Queixa, con 66 prazas distribuídas en habitacións de 14, 10, 8 e 6, con baños comunitarios por plantas.

Artigos relacionados

Back to top button