DeportesÚltima hora

A Estación de Montaña Manzaneda abre esta fin de semana as pistas Xeixo e Fontefría

 

A Estación de Montaña Manzaneda vivirá unha nova fin de semana apta para a práctica dos deportes de neve. Despois das baixas temperaturas rexistradas nas últimas horas, a neve caída e o funcionamento dos canóns a pleno rendemento desde a pasada noite, “a previsión é que a neve se manteña durante toda a fin de semana cun espesor de ata 10 centímetros”, aseguran dende a estación.

Nas últimas horas intensificáronse os traballos para poder abrir, polo menos, dúas pistas, Xeixo e Fontefría, aínda que “continúan os traballos para poder habilitar o maior número posible de quilómetros esquiables”. Aínda que a previsión tamén anuncia choivas para mañá pola noite, a neve podería manterse durante toda a fin de semana e durante a próxima semana, cando se esperan que continúen as temperaturas baixas.

 

 

A última hora en canto a previsión de pistas abertas e quilómetros esquiables poderá consultarse a través das redes sociais da Estación, nas que se publicarán os partes de neve. O último, que se acaba de publicar, anuncia a apertura de polo menos as dúas pistas citadas. En calquera caso, “está garantida neve en suficiente cantidade para un goce lúdico da Estación de Montaña durante toda a fin de semana”.

Os visitantes poderán gozar da Estación de Montaña en horario ininterrompido de 9.30 a 17.15 horas, aínda que o alugueiro dos equipos poderá facerse desde as 8.30 horas. Tamén estará dispoñible o telecadeira e os servizos de restauración.

Artigos relacionados

Back to top button