DeportesMontañismoÚltima hora

A Estación de Montaña Manzaneda abrirá mañá as pistas de Seixo, Fontefría e Antena

As baixas temperaturas da semana crearon as condicións para innivar e poder abrir á práctica de esquí

 

As temperaturas por baixo dos -3º durante esta semana “posibilitarán a apertura da Estación de Montaña Manzaneda sen que caese unha soa pinga de neve e grazas ao funcionamento a pleno rendemento dos canóns de innivación, que fabricaron a neve necesaria para a adaptación e apertura dalgunhas das pistas”, aseguran dende a estación.

Despois do intento da semana pasada, cando si nevou abundantemente pero que ao final as intensas choivas na noite do mércores ao xoves frustraron a apertura da Estación para a práctica do esquí, esta fin de semana si poderá facelo a pesar de que non volveu nevar. A explicación está en que, “ao contrario que en ocasións anteriores, durante os últimos días, desde a madrugada do domingo ao luns, si se deron as condicións de temperatura para que os canóns puidesen innivar. E así ocorreu durante a semana”.

 

 

Mañá, abrirán as pistas de Seixo, Fontefría e Antena, “pero non se descarta que poidan abrir máis”, din dende a instalación asegurando que “os accesos á Estación de Montaña Manzaneda tamén están limpos e acondicionados, pois xa a pasada fin de semana, a pesar de que non foi posible abrir as pistas para esquiar, foron moitas as persoas que se desprazaron ás instalacións para gozar da neve”.

Os servizos de restauración estarán abertos e reforzados esta fin de semana, ademais de todos os aloxamentos: 34 apartamentos con baño e cociña completas que se distribúen da seguinte forma: 10 apartamentos con cama de matrimonio con posibilidade de supletoria; 18 apartamentos de 4 prazas e posibilidade dunha máis con supletoria e 6 apartamentos con 7 prazas e posibilidade de 1 máis con supletoria. “Tamén está dispoñible o albergue Bibei, con 88 prazas distribuídas en habitacións de 18, 16, 10 e 2 para coidadores. Todo con baños comunitarios por plantas e o alberge Queixa, con 66 prazas distribuídas en habitacións de 14, 10, 8 e 6, con baños comunitarios por plantas”,  engaden dende Manzaneda.

Artigos relacionados

Back to top button