A Estación de Montaña Manzaneda recupera e rehabilita as súas pistas de tenis para a celebración de eventos e competicións relacionadas cos deportes de raqueta. Así, nesta tempada de verán, as instalacións serán o escenario do primeiro campamento internacional de tenis que se celebra en Galicia, un Stage Internacional, e xornadas de mini tenis.
O evento no que se estrearán estas renovadas pistas será o primeiro campamento internacional de tenis de Galicia. Os días 17, 18 e 19 de maio, un total de 14 nenos e nenas de entre 10 e 16 anos recibirán nocións deste deporte por parte de tres recoñecidos instrutores. Trátase do noruegués Even Dahm-Simonsen, adestrador de tenis para Stabekk TennisKlubb Oslo e en Srndpty Tennus no Centro Nacional de Tenis; Mateo Núñez Marquisio, campión de Suecia Ou18, e José Luis González del Río, 12 anos campión galego por equipos.
En total, ao longo deste verán a estación de montaña programou media ducia de eventos relacionados co tenis unha vez que se levou a cabo o acondicionamento das pistas. Foi o lugar escollido pola Federación Galega de Tenis para a promoción do pickleball, un deporte de pas que combina elementos do tenis, pádel bádminton e tenis de mesa. Está previsto que se desenvolva no pavillón cuberto un curso de instrutor deste deporte e xornadas de portas abertas para dalo a coñecer e nas que os visitantes da Estación poderán practicalo de forma gratuíta. O Campionato Galego de Pickleball será os días 27 e 28 de xullo.
O presidente da Federación Galega de Tenis, Xosé Mosquera, sinala que as instalacións da estación son “idóneas” para a práctica deste novo deporte e para a celebración do campionato galego desta nova disciplina, que está a arrasar en Estados Unidos e á que se están pasando algúns tenistas profesionais. “Necesitabamos 4 pistas e o pavillón cuberto será a localización no que se desenvolva a competición, sendo novidoso así tanto este deporte como o escenario no que se dará a coñecer en Galicia”.