OurenseÚltima hora

A estrea nacional do novo espectáculo de Sarabela será no Teatro Principal de Ourense

“A cincenta que non quería comer perdices” representarase os días 18 e 19 de setembro

 

Na mañá deste martes 10 de setembro presentábase unha das obras máis salientables da programación semestral do Teatro Principal, a estrea nacional do último espectáculo de Sarabela Teatro, A cincenta que non quería comer perdices, que conta co patrocinio da Deputación e da AGADIC.

Destinada a público familiar e maiores de 11 anos, A cincenta que non quería comer perdices representarase no Teatro Principal os días 18 e 19 de setembro, tal e como se anunciou na presentación, na que participou o vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; o director da Agadic, Jacobo Sutil; a xefa do servizo de Coordinación Cultural de Ourense, Sandra Quintas; a directora da obra, Fina Calleja, e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.

O vicepresidente segundo e deputado de Cultura da Deputación, César Fernández asegurou que “estamos ante unha peza que racha cos estereotipos que tanto dano lle fixeron á igualdade entre homes e mulleres. Por iso, obras como esta axudan a remover conciencias desde idades temperás”. Pola súa banda a directora da obra, Fina Calleja, explicou que esta autoprodución de Sarabela Teatro, baseada no texto de Nunila López Salamero, “é un conto moderno para nenos e nenas que revisa con humor o papel que desempeñou a muller durante moito tempo. É un alegato que defende a liberdade de ser quen unha queira ser e como unha queira ser”.

 

 

A obra fala dunha moza perdida que pretende desmontar os falsos mitos ao redor do amor romántico, así como de tantas historias de princesas liberadas por príncipes azuis que, en demasiados casos, saen ras. Así, esta peza pon en cuestión o papel que xogaron na historia os contos de fadas nos que se acaba por promover o rol das nenas como entes pasivos agardando a que lles pidan a man. “A cincenta que non quería comer perdices” fala de temas tan de actualidade como a violencia de xénero, que segue sendo un problema entre os máis novos.

Nesta peza, Fernando Dacosta, Sabela Gago e Elena Seijo actúan sobre as táboas baixo a dirección de Fina Calleja, responsable da dramaturxia xunto a Nate Borrajo. Sarabela asina como colectivo o deseño de vestiario e para o da escenografía conta co equipo de Amenosde7metros e as imaxes e soportes audiovisuais creados por Iris Blanco. Complétase con Renata Codda Fons na creación do espazo sonoro, Baltasar Patiño no deseño de iluminación, e Rut Balbís na coreografía.

Na presentación, Jacobo Sutil lembrou que a nova montaxe de Sarabela é, ademais, unha das nove estreas teatrais subvencionadas pola Xunta de Galicia no inicio da nova tempada nos escenarios galegos ao abeiro da liña de axudas á produción de espectáculos, coa que o Goberno galego distribúe preto de 800.000 euros entre 27 compañías.

A cita enmárcase no circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e 42 entidades locais asociadas, que achegará un total de 552 actuacións a 42 concellos galegos nestes últimos meses do ano, cifras que, segundo o responsable de Industrias Culturais, sitúan esta carteleira “como referente na programación cultural en Galicia”.

Artigos relacionados

Back to top button