CulturaCulturaÚltima hora

A exposición ‘O camiño en viñetas’ anima a peregrinar desde a arte e o humor co apoio de Turismo de Galicia

O director da Axencia Xosé M. Merelles inaugurou a mostra lembrando que "máis de 488.000 peregrinos xa fixeron o Camiño no que vai de ano"

Inauguración da mostra ‘O Camiño en Viñetas’.

 

Na mañá deste venres 8 de novembro, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inauguraba no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, a mostra de Fausto Isorna ‘O Camiño en Viñetas’, que permanecerá aberta ata o 14 de xaneiro de 2025. Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia enmarcou esta actuación dentro da estratexia de divulgar e promover o Camiño desde calquera expresión en xeral, e neste caso, especificamente, desde a arte, a ilustración e o humor.

Xosé Manuel Merelles destacou ademais que, no que vai do ano, máis de 488.000 peregrinos xa percorreron o Camiño, o que supón un 10,42% máis que en todo o 2023, unhas cifras que “fannos ser moi optimistas e pensar que pecharemos o 2024 cuns rexistros moi importantes”, subliñou.

 

Xosé Manuel Merelles visitando a exposición.

 

Referíndose á mostra de viñetas, Merelles valorou o Camiño como “fonte de inspiración para múltiples expresións artísticas, entre as que se atopan o cómic e a banda deseñada”. Neste caso, a mostra vira ao redor da aventura xacobea de Simón Martel, un personaxe do cómic galego cunha longa traxectoria e protagonista de sete libros.

Neste punto, o director de Turismo de Galicia agradeceu a participación nesta mostra de Gemma Sesar, “que fiou todo a modo de argumento”; de Fausto Isorna, “que nos ofrece a súa particular visión do Camiño a modo de ilustración”; e de Pablo Rosendo, Pepe Quintela, Axeitos&Co e Daexga, quen participou no deseño e montaxe da mostra. “Unha forma de animar a viaxar e peregrinar a través da arte, neste caso, da ilustración e o humor”, afirmou.

Artigos relacionados

Back to top button