ConcellosÚltima hora

A Federación de asociacións da Ribeira Sacra pide que a Xunta “conte coa participación cidadá” nos PERTE desta zona

Vén de emitir unha nota de prensa solicitando "ser escoitados" na confección e desenvolvemento dos proxectos de recuperación e transformación económica

Membros da federación durante a asemblea de constitución celebrada a primeiros de xuño en Castro Caldelas./ Cedida.

 

A recén creada Federación de asociacións da Ribeira Sacra vén de emitir unha nota de prensa na que “lamenta profundamente que a Xunta de Galicia non conte coa participación cidadá na confección e desenvolvemento dos PERTE (proxectos de recuperación e transformación económica)”.

No seu escrito a entidade asegura que “a Dirección Xeral de Patrimonio anunciou 19 proxectos dirixidos á Ribeira Sacra, por valor de 372 millóns de euros, como resultado dun proceso participativo co sector cultural. Mais isto non é exacto: o tecido asociativo cultural e veciñal da Ribeira Sacra quedou á marxe.  Ningunha das máis de 50 asociacións que compoñen a nosa Federación foi convocada á reunión. A propia Ribeira Sacra non estivo representada por ningunha entidade vencellada a este territorio. O patrimonio, a paisaxe e a cultura manteñen unha relación cotián co pobo que habita este espazo. Se estas persoas vencelladas á cultura non son consultadas, nin preguntadas, nin convocadas a algún encontro, a pregunta é pertinente: cal foi o proceso participativo?”.

Así mesmo a nota indica que “os habitantes da Ribeira Sacra, organizados nesta federación, queren alzar a voz para reclamar ser escoitados. Porque o noso propósito é contribuír á mellora deste territorio, de participar nos procesos que nos afectan e opinar sobre as necesidades que percibimos (neste caso en materia cultural)”. Así mesmo a federación pide “procesos participativos reais, que dean resposta ás arelas e demandas dos habitantes das diferentes comarcas do país”.

Dende a federación insístese en pedir “a contextualización e recuperación do patrimonio material superando visións curtopracistas e mercantilistas; catalogación e protección do patrimonio inmaterial; viveiros culturais, que permitan iniciativas formativas, audiovisuais e editoriais itinerantes no ámbito rural; concibir as persoas como patrimonio, xa que delas depende a pervivencia de moitas tradicións, etc.”

Amais, esta federación resalta que o sector primario “é fundamental para fixar poboación das parroquias e reverter a desertificación e o inverno demográfico. Por iso, os PERTE deben centrarse na mocidade e no sector primario e non en proxectos de multinacionais ou mesmo proxectos non produtivos. O noso territorio precisa dunha cultura viva que se desenvolva e cre tecido cultural nas nosas comarcas e ten que desenvolver proxectos de produción e transformación agro-alimentar que xeren valor engadido fronte ás inercias dunha economía exclusiva de servizos e precariedade”.

Finalmente, a Federación de asociacións da Ribeira Sacra remata o seu comunicado instando á Consellería de Cultura a que se lle remita “o proxecto da Ribeira Sacra coa maior brevidade e estabelecer canles para a recollida de propostas”.

Artigos relacionados

Back to top button